LG presenta un televisor que recibe os sinais de audio e vídeo sen fíos

mércores, 4 de xaneiro do 2023 Marcus Fernández

Un dos produtos máis curiosos que está a amosar LG estes días en Las Vegas é o novo televisor LG Signature OLED M (modelo M3), descrito pola compañía como o primeiro televisor de consumo con tecnoloxía Zero Connect, unha solución sen fíos capaz de transmitir audio e vídeo até 4K a 120 Hz, que xunto á tecnoloxía OLED do seu panel achega unha experiencia sen igual.
Este novo televisor, en vez de contar cunha chea de conectores na súa parte traseira para consolas de videoxogos, receptores de televisión de pagamento e outros trebellos, emprega para tal finalidade cunha caixa externa coa que se comunica sen fíos, de xeito que a súa grande pantalla de 97 polgadas pode lucir o seu deseño minimalista dun xeito limpo e sen distraccións, á vez que ten unha enorme versatilidade, xa que pode colocarse case en calquera recuncho do fogar, xa súa posición non depende da posibilidade de acomodación doutros dispositivos.
A caixa na que conectamos as fontes de vídeo do televisor tamén incorpora tecnoloxía de recoñecemento de voz, de xeito que a pantalla pode reaccionar ás nosas ordes faladas, o que incrementa aínda máis as súas posibilidades.

O deseño do televisor faino especialmente atractivo para penduralo na parede coma se fose un cadro

PUBLICIDADE