LG presenta un televisor de 97 polgadas no que o seu panel OLED fai de altofalante

xoves, 11 de agosto do 2022 Marcus Fernández

Esta semana celébrase en Seúl a feira K-Display 2022 na que os fabricantes levan as súas últimas tecnoloxías de pantallas e, entre as que presenta LG destaca a OLED.EX, presente nun televisor OLED de 97 polgadas, que non só ofrece cores realistas, grande nivel de detalle e negros perfectos, así como un brillo mellorado de até o 30%, senón que sorprende por incorporar a tecnoloxía Film CSO (Cinematic Sound OLED), que permite á pantalla vibrar e xerar son directamente, sen a necesidade de altofalantes separados. Esta tecnoloxía é capaz de reproducir son 5.1, ofrecendo así unha experiencia cun grande nivel de inmersión.
A compañía surcoreana tamén presentou novas aplicacións da súa tecnoloxía de pantallas OLED transparentes, como un Media Art Wall no que combinan 16 pantallas transparentes que poden colocarse para amosar arte dixital ou vídeos comerciais, sendo unha solución axeitada para colocar contra muros xa que esta tecnoloxía xera menos calor que a de LED. Tamén amosaron paneis OLED transparentes que poden instalarse e desinstalarse dun xeito doado, polo que pode resultar unha boa solución para oficinas, hoteis, centros de saúde e fogares.
LG tamén propón o uso desta tecnoloxía na forma de E-Crystal para sala de xuntanzas, de xeito que as propias paredes de vidro poden servir como monitores durante presentacións, e cando non están en uso percíbense como un espazo máis aberto.

PUBLICIDADE