LG presenta o seu novo monitor 4K con HDR

mércores, 14 de decembro do 2016 Marcus Fernández

Un ano máis LG comeza a debullar en decembro os produtos que levará á vindeira edición do CES de Las Vegas, e un dos produtos que destacou esta semana é o seu novo monitor LG 32UD99, que incorpora un panel de 32 polgadas de ultra alta definición (3.840 x 2.160 píxeles) que non só ofrece unhas imaxes especialmente nítidas e un panel IPS cunha magnífica representación das cores, senón que tamén é compatible con contidos HDR, soportando o estándar HDR10, o que fai que sexa compatible coa meirande parte de reprodutores de contido neste formato, incluíndo a Xbox One S e a PlayStation 4 Pro.
Aínda que para gozar de 4K con HDR recoméndase contar con televisores de grande formato, cando estamos en escritorios informáticos iso non resulta óptimo, e as novas pantallas de LG poderían ser de grande utilidade para os usuarios que queren gozar da calidade dos novos contidos audiovisuais no seu ordenador, o que tamén terá certa repercusión nos vídeoxogos (aínda que polo momento son poucos os xogos para PC que tiran proveito do HDR, precisamente pola reducida presenza de monitores HDR).
O monitor LG 32UD99 tamén destaca por poder alimentarse directamente a través de USB-C, ou sexa, que pode axudar a minimizar o número de cables presentes no escritorio informático, xa que unha única conexión serviría para transmitir imaxes, achegar alimentación e realizar transferencias de datos.
LG tamén levará a Las Vegas o monitor ultrapanorámico 34UM79M, que será o primeiro monitor multimedia do mercado en integrar a tecnoloxía do Chromecast, o que permitirá proxectar contidos audiovisuais directamente no monitor. Para os gamers, en cambio, a proposta de LG será o monitor 34UC99, que aposta pola tecnoloxía AMD FreeSync, redución de desenfoque de momento de 1 milisegundo, estabilización de negros e sincronización de acción dinámica para conseguir optimizar ao máximo a experiencia de xogo con ordenadores persoais.

PUBLICIDADE