LG presenta novos auriculares sen fíos

mércores, 28 de decembro do 2016 Marcus Fernández

O ano pasado LG levou ao CES de Las Vegas unha revisión dos seus auriculares LG TONE Infinim, que empregan unha especie de diadema para pendurar no pescozo e que fai de receptor Bluetooth e da que saen un par de auriculares con cable para introducir no interior dos ouvidos, pero desta volva a renovación do produto vai bifurcarse, de xeito que permitirá que os consumidores opten por dúas solucións bastante diferentes: un auriculares sen fíos e un altofalante persoal.
O LG TONE Studio sería a solución wearable coa que sorprende LG, xa que a diadema que podemos levar no pescozo integra 4 altofalantes, o que produce unha recepción sonora envolvente que pode resultar satisfactoria para ver películas, gozar de videoxogos ou incluso escoitar música, conseguindo unha sensación propia dunha solución de cine-en-casa. Tamén integran un par de auriculares con cable para empregar este trebello como os dispositivos que o precederon.
Máis semellante ao LG TONE Infinim sería o LG TONE Free, que tamén estaría baseado nunha diadema que pendurar do pescozo, pero cunha grande diferencia: os auriculares tamén serían sen fíos. Deste xeito a diadema serviría para transportar e cargar os auriculares, contando tamén con función de vibración para poder dar conta de notificacións no móbil.
Temos así que en ambas solucións LG elimina os cables, o que supón un incremento na comodidade dos auriculares, aínda que o feito de ter que pendurar unha diadema no pescozo continúa a ser unha molestia que responde directamente ás dificultades de miniaturización da tecnoloxía neste rango de prezos (os auriculares de LG actuais son moitísimo máis baratos que os AirPods de Apple ou o Xperia Ear de Sony).

Os LG TONE Studio conseguen unha reprodución sonora envolvente grazas a integrar 4 altofalantes

PUBLICIDADE