LG prepara unha nova xeración dos seus Smart TV

mércores, 23 de decembro do 2015 Marcus Fernández

Un ano máis LG quece motores de cara ao CES de Las Vegas, e leva ao evento unha nova xeración do seu sistema operativo para televisores conectados, webOS 3.0, que busca achegar unha boa experiencia de usuario grazas a un control intuitivo, algo no que fracasan a meirande parte de fabricantes de televisores.
LG webOS 3.0 ofrece prestacións máxicas como son o Magic Zoom (que permite ampliar obxectos e letras sen reducir a calidade de imaxe), a Magic Mobile Connection (para facilitar a conexión entre o móbil e o televisor a través da aplicación móbil LG TV Plus) e a nova versión do Magic Remote (que incorpora máis botóns para facilitar o uso do televisor).
Outras características interesantes que integrarán os novos Smart TV de LG con webOS 3.0 son o Channel Advisor (que analiza os patróns de uso para amosar información para anticipar programas que vemos habitualmente), o Multi-view (para ver dúas canles á vez, ou unha canle de televisión mentres se ve unha película en Blu-ray), o reprodutor musical (aplicación que pode funcionar incluso coa pantalla apagada) e incluso unha aplicación IoTV, ou sexa, que facilita o control en pantalla de dispositivos da Internet das Cousas.

Preparados para a Internet das Cousas

Nesta última liña LG tamén anunciou que vén de acadar a certificación de UL que garante que os televisores do fabricante surcoreano estarán preparados para a Internet das Cousas, ou sexa, que poderán interactuar coa lavadora, o aire acondicionado, o refrixerador ou a iluminación, permitindo que o televisor poida ser o corazón do fogar domótico, aínda que a explosión da tecnoloxía da IoT é polo momento só un soño, polo que este movemento de ficha por parte de LG pode verse como un compromiso de avance neste ámbito con tanto potencial.

PUBLICIDADE