LG podería ter parado a produción do Nexus 4

venres, 11 de xaneiro do 2013 Marcus Fernández

Dende o día do seu lanzamento, facerse cun Nexus 4, posiblemente o smartphone coa mellor relación calidade-prezo que se fixo nunca (dispoñible libre por 299 euros no seu modelo máis básico), parecía unha misión imposible, pois cada vez que se abría a posibilidade de compra do dispositivo en Google Play voaban os móbiles en poucos minutos, o que parecía responder a unha política de contención para que o agresivo prezo do smartphone non lesionase ás vendas doutros móbiles, e cando o número de Nexus 4 vendidos segundo certas previsións estaría preto das 400.000 unidades chegan novas de que LG xa parou a súa produción.
Se temos en conta que a finais de febreiro terá lugar o Mobile World Congress en Barcelona podemos entender que Google presentará en breve outro móbil insignia, e LG podería estar xa a traballar neste sucesor do Nexus 4, do que polo momento non hai novas (rumoreándose que tería un procesador de 4 núcleos a 2 GHz e Android 4.3).
Todo isto coméntase en boa porque James Fisher (LG) comentou durante o CES que o Nexus 4 era só “o primeiro de moitos” produtos Nexus nos que están a traballar, sen esquecer que, como acontece actualmente, hai outros 2 fabricantes traballando en tal familia de produtos (o Nexus 7 está fabricado por Asus e o Nexus 10 por Samsung). Curiosamente aínda non se sabe nada de ningún novo produto oficial de Google fabricado por Motorola (fabricante adquirido hai meses pola compañía de Mountain View).

PUBLICIDADE