LG permitirá que nos comuniquemos cos electrodomésticos a través de LINE

xoves, 26 de decembro do 2013 Marcus Fernández

LG continúa a adiantar os produtos que presentará no Consumer Electronics Show (CES) de Las Vegas, entre os que hai varios que empregan tecnoloxía de recoñecemento natural de voz para facilitar a comunicación cos usuarios, o que van levar un paso máis adiante co servizo HomeChat, que sorprende por facilitar a comunicación cos nosos electrodomésticos a través da ferramenta de mensaxería instantánea LINE.
Con LG HomeChat pretenden que non haxa que aprender complicadas ordes, á vez que aproveitan que LINE é unha aplicación que xa teñen instalada no seu móbil 310 millóns de usuarios de todo o mundo, recortando así a distancia co usuario á hora de facilitar o control remoto de dispositivos intelixentes.
Deste xeito, remitíndolle a HomeChat unha mensaxe dicíndolle que imos de vacacións o sistema pregunta se debe pórse en modo vacacións, de xeito que de recibir unha resposta afirmativa permitirá que o refrixerador entre en modo de aforro de enerxía, que a aspiradora robotizada limpe o piso as 9 da mañá cada día ou que a lavadora se poña a punto un día antes do noso regreso. Polo momento esta tecnoloxía só funcionará en inglés e coreano, agardándose a súa adaptación a outras linguas nos vindeiros meses.
Esta nova tecnoloxía de LG tamén permitirá que recibamos actualizacións en tempo real do noso frigorífico (o que facilitará a administración da compra), axudaranos a calcular as cantidades que precisamos ao elaborar unha receita de cociña e incluso deixaranos controlar a lavadora dende fóra da casa (podendo avisarnos cando remate o ciclo de lavado).

PUBLICIDADE