LG estrea lámpadas LED conectadas

luns, 24 de marzo do 2014 Marcus Fernández

LG Electronics está a iniciar a comercialización en Corea do Sur das súas lámpadas intelixentes, que veñen a ser unhas lámpadas LED de 10 watts (equivalente a unha lámpada incandescente de 60 W) que poden controlarse dende dispositivos con iOS ou Android e que contan con conectividade Wi-Fi e Bluetooth, o que facilita non só o axuste do seu nivel de brillo, senón tamén a súa programación, de xeito que podemos empregar a luz como espertador pola mañá (en vez dun molesto son) ou para simular que hai xente no domicilio cando estamos de vacacións.
Incluso é posible controlar o seu brillo en función da música que estea a reproducirse nun móbil con Android 4.3 ou superior, achegando unha ambientación luminosa moi festeira. Aínda que para moitos resultará máis práctica a posibilidade de que as propias lámpadas poidan pestanexar para advertir de que estamos a recibir unha chamada ao móbil (evitando que perdamos unha chamada por non escoitar o son do smartphone por telo no peto ou no bolso).
O prezo destas lámpadas é de 35.000 wons (uns 24 euros) que pode chegar a amortizarse se temos en conta que supoñen un importante aforro de enerxía e a súa vida estimada é duns 10 anos (cunha media de uso de 5 horas diarias).

PUBLICIDADE