LG estrea en Corea un móbil con WiBro e TDT

luns, 6 de agosto do 2007 Marcus Fernández

Corea do Sur continúa á cabeza do mundo en servizos de acceso á Rede e mesmo de telefonía móbil, e agora LG presenta un novo teléfono que pode conectarse a redes WiBro (tamén coñecida coma WiMAX móbil), moi populares no país asiático onde a cobertura nas grandes cidades chega incluso ás liñas de metro, permitindo o acceso a servizos de banda larga dende o móbil.
O LG KC1 permite así achegar ó móbil servizos que tradicionalmente se limitaban ós ordenadores persoais, podendo empregarse para facer videoconferencia ou mesmo para controlar remotamente un equipo informático.
O novo terminal inclúe unha pantalla táctil de 2,8 polgadas, unha cámara de 2 Mpíxeles, 512 Mb de memoria interna (ampliable con tarxetas microSD) e compatibilidade coa tecnoloxía DMB (televisión dixital terrestre móbil, alternativa coreana ó estándar DVB-H). O sistema operativo incorporado será o Windows Mobile 5.

PUBLICIDADE