LG confirma a aparición do Nexus 4 de cor branca

martes, 28 de maio do 2013 Marcus Fernández

O Nexus 4 de Google é un dos smartphones máis atractivos do mercado pola súa relación entre as súas prestacións e o seu prezo, que parte de 299 euros, e aínda que polo momento só se ofrece en 2 modelos con capacidades internas de 8 e 16 Gb, o seu fabricante, LG, vén de confirmar que vai lanzar unha variante do móbil insignia de Google cunha carcasa de cor branca, detallando tamén que a compañía surcoreana non ten plans para lanzar un futuro Nexus 5.
O Nexus 4 branco porase á venda en Hong Kong mañá mesmo, para desembarcar en Europa nas vindeiras semanas. Este móbil funciona con Android 4.2, ten unha pantalla IPS de 4,7 polgadas cunha resolución de 1.280 x 720 píxeles e no seu interior conta cun procesador Qualcomm Snapdragon S4 Pro e 2 Gb de RAM, polo que está á altura de moitos outros móbiles de alta gama actuais. Tamén destaca por contar con NFC e sistema de carga sen fíos.

PUBLICIDADE