LG comezou a produción dunha nova pantalla plástica para eReaders

xoves, 29 de marzo do 2012 Marcus Fernández

O fabricante de paneis de cristal líquido LG Display anunciou hoxe o comezo da produción masiva da primeira pantalla plástica EPD para o seu uso en lectores de libros electrónicos. Esta pantalla cun tamaño de 6 polgadas e unha resolución de 1.024 x 768 píxeles pretende revolucionar o seu sector grazas ás melloras que permitirá en funcionalidade e deseño.
Esta nova pantalla de LG Display achega unha experiencia de lectura como a do papel, conta cunha superficie plástica de protección e pode dobrarse ata 40 graos dende o seu centro, cun grosor de só 0,7 milímetros e un peso de 14 gramos.
Aínda que o feito de poder curvar a pantalla pode resultar de utilidade para certas aplicacións, o mellor desta nova pantalla é a súa resistencia, que nas probas realizadas polo seu fabricante soporta caídas a 1,5 metros de altura, de xeito que podería sobrevivir a accidentes propios da caída dun eReader (aseguran que a décima parte dos usuarios deste tipo de dispositivos tiveron problemas a este respecto).
Os primeiros produtos en integrar esta nova pantalla plástica EPD chegarán ao mercado europeo a primeiros do mes que vén.

PUBLICIDADE