LG comercializa na India un televisor antimosquitos

luns, 20 de xuño do 2016 Marcus Fernández

Nalgúns lugares do mundo os mosquitos son un grave problema, tanto para a saúde como para a tranquilidade e comodidade de cadaquén, e tendo tal elemento en conta dende a India sorpréndennos cun televisor de LG deseñado e fabricado nese país, o LG 32LH520D que sorprende integrando a tecnoloxía Mosquito Away, ou sexa, que este televisor LED integra un sistema de ultrasóns que repele aos molestos mosquitos, evitando que molesten mentres vemos a televisión con vantaxes para o usuario con respecto ás solucións antimosquitos tradicionais (como o uso de produtos químicos e a presencia de cheiros tras a súa aplicación).
O novo televisor de LG conta cun panel IPS de 32 polgadas Full HD, potentes altofalantes de 20 watts, integra xogos, está adaptado á numerosas linguas que se falan na India (hindi, bengalí, telugú, tamil, marathí, urdu, canarés, malaialam, panxabiano e asamés), con numerosos sistemas de protección (para poder sobrevivir a tormentas, ao calor do verán, á humidade e ao po) e incluso con modos de funcionamento adaptados á reprodución de películas de Bollywood e partidos de cricket. Tamén conta cun porto USB dende o que poder reproducir contido audiovisual en alta definición. Un completo dispositivo que pode mercarse por 26.500 rupias (346,35 euros).

A tecnoloxía Mosquito Away é un curioso reclamo para a compra do televisor LG 32LH520D na India

PUBLICIDADE