LG anuncia oficialmente o seu smartphone con pantalla curva

luns, 28 de outubro do 2013 Marcus Fernández

Tras numerosas filtracións faise oficial o curioso LG G Flex, que sairá á venda no mes de novembro en Corea do Sur, e que destaca pola súa pantalla curva de 6 polgadas, deseñada para que o dispositivo colocado en panorámico consiga envolver coa imaxe presentada, o que supón un aproveitamento desta tecnoloxía oposto ao que fai Samsung con seu GALAXY Round (que busca un agarre máis cómodo reducindo a distancia entre os lados do terminal).
O LG G Flex ten unha pantalla que pese ao seu grande tamaño limita a súa resolución a 1.280 x 720 píxeles, funciona cun procesador Qualcomm Snapdragon 800 de catro núcleos a 2,26 GHz con gráfica Adreno 330 a 450 MHz, 2 Gb de RAM, 32 Gb de almacenamento interno, cámaras de 13 e 2,1 Mpíxeles, Bluetooth 4.0, USB 3.0, Wi-Fi AC, NFC, Android 4.2.2, batería de 3.500 mAh, un peso de 177 gramos e un grosor de entre 7,9 e 8,7 milímetros.
A curvatura deste terminal aseguran que consegue unha maior calidade do son (a forma do terminal fai que teñamos o auricular máis pegado á orella e o micrófono á boca, á vez que cando temos o dispositivo sobre unha superficie lisa os altofalantes non chegan a taparse); o LG G Flex tamén herda os controis na súa parte traseira do LG G2; e presume de facer uso dunha tecnoloxía auto-reparable na súa carcasa traseira, dando a entender que será bastante resistente a rabuñaduras.
Queda por ver se este produto terá unha distribución masiva, ou se optará por comercializarse a xeito de proba, como fai Samsung co seu GALAXY Round.

O LG G Flex quere aproveitar a súa curvatura para facilitar unha reprodución de vídeo envolvente

PUBLICIDADE