LG Fireweb, o novo smartphone co sistema operativo de Mozilla

mércores, 23 de outubro do 2013 Marcus Fernández

Co gallo do lanzamento de Firefox OS no Brasil da man da filial local de Telefónica (Vivo) estréase o smartphone LG Fireweb, que sería un dos primeiros smartphones con Firefox OS dun fabricante de peso, seguindo os pasos de Geeksphone, Alcatel e ZTE. Este novo dispositivo amosa certa semellanza ao LG Optimus L5 II, aínda que reducindo a resolución da súa pantalla de 4 polgadas a uns pobres 480 x 320 píxeles.

O LG Fireweb presenta a mesma aparencia exterior que o LG Optimus L5 II

O LG Fireweb funciona cun procesador Qualcomm Snapdragon dun núcleo a 1 GHz, 4 Gb de almacenamento interno (aínda que na nota publicada por Telefónica aseguran que só ten 2 Gb de memoria) ampliable mediante tarxetas microSD de ata 32 Gb, cámara de 5 Mpíxeles con flash LED e batería de 1.540 mAh, está dirixido inicialmente aos mercados emerxentes de Brasil, México, Perú e Uruguai, e o seu prezo de venda no Brasil é de 449 reais en prepagamento e 129 reais en contrato (150 e 43 euros respectivamente).
Con estas prestacións e prezo parece que o LG Fireweb vai telo moi difícil, pois existen terminais con Android máis económicos, e aínda que Firefox OS conta con aplicacións como Facebook, Badoo, Tuenti e Twitter, carece dunha ferramenta tan crucial como hoxe é WhatsApp, o que parece ser o seu elo máis fraco.


Vídeo de presentación do LG Fireweb

PUBLICIDADE