LEGO Worlds desembarca como xogo completo para ordenadores e consolas

mércores, 8 de marzo do 2017 Marcus Fernández

A mediados de 2015 xurdiu en Steam como xogo de Acceso Anticipado LEGO Worlds, o que podemos entender como a resposta de LEGO ao fenómeno de Minecraft, e que ofrecía aos xogadores a posibilidade de gozar dun mundo aberto de mundos xerados por procedementos e fabricados con ladrillos de LEGO, que poden manipularse para desatar a creatividade, e durante a xornada de onte sorprenderon estreando a súa versión 1.00 para PC, ou sexa, que deixa de ser un xogo en Acceso Anticipado para converterse nun produto completo que pode mercarse por 29,99 euros en Steam, adiantándose un par de días ao lanzamento das versións do xogo para PlayStation 4 e Xbox One, que curiosamente tamén terán o mesmo prezo en dixital, aínda que en formato físico as tres versións poden atoparse a prezos inferiores (19,99 euros para PC e 24,95 euros para consola).
En LEGO Worlds os xogadores poden descubrir tesouros agochados en contornos que van dende o divertido até o fantástico, onde os mundos cobra vida cunha grande variedade de vehículos e criaturas, como vaqueiros que montan en xirafas, vampiros que asustan a homes das neves, máquinas de vapor ou excavadoras xigantes.
Os xogadores poderán embarcarse nunha aventura para converterse nun Mestre Construtor ao axudar a outros persoanxes de LEGO polo camiño, buscando unha espada para un rei, protexendo a un granxeiro dunha invasión de mortos viventes ou construíndo unha casa para un cavernícola.
Os contornos e creacións cobran vida de calquera xeito que os xogadores poidan imaxinar, sexa construíndo peza a peza ou empregando ferramentas que permitan pintar e modificar o contorno, e grazas ao multixogador os usaurios tamén poderán explorar os mundos acompañados por amigos, podendo crear e xogar tanto en modo cooperativo como comentitivo.

Vídeo promocional de LEGO Worlds

PUBLICIDADE