LEGO Batman 2 destaca entre os Xogos con Gold de novembro

venres, 29 de outubro do 2021 Marcus Fernández

Microsoft demostra un mes máis a pouca atención que destina aos seus Xogos con Gold para favorecer o Game Pass, e nos xogos que recibirán os subscritores de pagamento de Xbox LIVE no mes de novembro temos títulos practicamente descoñecidos coa honrosa excepción de LEGO Batman 2: DC Super Heroes, xogo de Xbox 360 que podemos xogar en Xbox One e Xbox Series X|S grazas á retrocompatibilidade, e que estará dispoñible entre os días 16 e 30.
Este xogo, aínda que vestido como secuela de LEGO Batman, vai bastante máis aló, xa que incorpora a esta versión de Batman a xeito de figura de LEGO a unha chea de personaxes do Universo DC, como Superman, Wonder Woman, Lanterna Verde ou Lex Luthor, polo que poderiamos considerar que estamos ante o primeiro xogo de LEGO da Liga da Xustiza. Un título divertido para toda a familia e moi especialmente para os afeccionados á banda deseñada.
O resto de títulos de novembro dos Xogos con Gold son grandes descoñecidos para o público xeral, como os xogos para Xbox One Moving Out e Kingdom Two Crowns, de simulación e aventura respectivamente, aos que acompañará o xogo de plataformas Rocket Knight para Xbox 360 (retrocompatible para consolas modernas), bastante superior aos anteriores e editado por Konami, no que vén ser a recuperación dunha saga de xogos que a mediados dos anos 90 chegaron a Mega Drive e Super Nintendo, e que con esta entrega adaptaban os seus gráficos á alta definición.

PUBLICIDADE