LEGO Batman 2: DC Super Heroes estrea demo

mércores, 20 de xuño do 2012 Marcus Fernández

O vindeiro venres chega ás tendas o agardado videoxogo LEGO Batman 2: DC Super Heroes, que supón toda unha revolución para os títulos electrónicos baseados en figuras de LEGO, pois convértese nun produto moito máis completo que entregas anteriores, non só por ofrecer unha diversidade de personaxes sen precedentes, senón tamén por enriquecer a súa mecánica de xogo ata converterse nun sandbox (permite explorar toda a cidade libremente) e incorporar voces nos seus protagonistas (que chegan dobradas ao español). Para que os usuarios non teñan que acudir á tenda a cegas, dende onte está dispoñible unha versión de demostración do xogo para Xbox 360 e hoxe adianta o seu lanzamento na PlayStation Network na súa versión para PS Vita (á venda por 39,99 euros).
LEGO Batman 2: DC Super Heroes dificilmente pode considerarse unha secuela de LEGO Batman, pois case é o xogo de LEGO da Liga da Xustiza, incorporando a populares personaxes do Universo DC (ata un total de 50) como Superman, Wonder Woman, Flash, Lanterna Verde e moitos outros que deberán protexer á cidade de Gotham da destrución a mans de Lex Luthor, o Joker e outros membros da galería de viláns de Batman.
Este novo título de Traveller’s Tales contará con versións para PC, PlayStation 3, Xbox 360, Wii, Nintendo DS, Nintendo 3DS e PS Vita.


Trailer do xogo con voces en español

Batman non se enfrontará en solitario aos seus inimigos, senón que contará coa axuda de superheroes como Superman

PUBLICIDADE