L. A. Noire chegará ás novas consolas

venres, 8 de setembro do 2017 Marcus Fernández

O xogo L.A. Noire conseguiu deixar unha profunda pegada cando saíu á venda para Xbox 360 e PlayStation en 2011, non só pola súa historia propia do cine negro, senón tamén pola tecnoloxía de expresión facial dos personaxes, clave para saber se menten as persoas ás que o policía protagonista interroga, polo que chegou a considerarse nun referente durante bastante tempo, e agora quere rexurdir con forza, e Rockstar Games anuncia que o 14 de novembro estreará versións para PlayStation 4, Xbox One e Nintendo Switch.
As versións de PS4 e Xbox One serán unha actualización das versións para as súas consolas predecesoras (sen deixar de lado a PS4 Pro e Xbox One X, de xeito que poderán correr en 4K), mentres que en Nintendo Switch poderase tirar proveito do novo modo Joy-Con.
Amais destas novas 3 versións para consola, Rockstar adianta que aproveitarán para dar os seus primeiros pasos na realidade virtual con L.A. Noire: The VR Case Files, unha selección de sete casos do xogo orixinal reconstruídos especificamente para ofrecer unha experiencia de realidade virtual para HTC Vive.

PUBLICIDADE