Kroll chega á tenda de aplicacións do iPhone

martes, 30 de setembro do 2008 Marcus Fernández

Durante a presentación do iPhone 3G amosouse un xogo como exemplo da potencia gráfica do iPhone, e resultou ser obra dun estudo de videoxogos catalán chamado Digital Legends, que tivo a honra de que dende Apple os elixiran para presentar ao mundo que o iPhone pode amosar gráficos tridimensionais.
Kroll presentábase así coma un dos xogos máis prometedores para o iPhone, que podería chegar a compararse a moitos títulos para a PSP de Sony, pero que tería que superar o reto de non contar con botóns na súa interface, de xeito que tiveron que facer un intelixente uso dos acelerómetros do iPhone e da súa pantalla táctil para permitir unha experiencia de xogo satisfactoria na que se somerxe ao xogador en fantásticos mundos 3D con heroicas batallas no colo dunha montaña, dentro dunha minas de magma e no alto dun volcan activo, onde se atopa unha prisión flotante. Así, para coñecer os segredos agochados trala lenda de Kroll será preciso conquistar e derrotar a inimigos e criaturas míticas en 3 niveis de dificultade segundo a experiencia do xogador.
Kroll xa se pode adquirir na App Store a 5,99 euros, e podería ser un dos títulos de máis éxito, seguindo a estela de Super Monkey Ball ou Crash Bandicoot Nitro Kart 3D.


Video-revisión do xogo publicada en YouTube

PUBLICIDADE