Kodak presenta un smartphone con aires de cámara fotográfica

xoves, 20 de outubro do 2016 Marcus Fernández

Para gañar o corazón de moitos amantes da fotografía Kodak presentou hoxe o smartphone Kodak Ektra, que ten prevista a súa comercialización en Europa a partires do mes de decembro a 499 euros, e que non só apostará por cámaras moi completas, senón que tamén presenta unha ergonomía e unha aparencia estética moi semellante ao das cámaras fotográficas tradicionais.
O Kodak Ektra está equipado cunha cámara traseira de 21 Mpíxeles cun enfoque rápido e unha apertura f/2.0, mentres que a súa cámara frontal ten uns xenerosos 13 Mpíxeles con enfoque de detección de foco e apertura f/2.2. Amais o móbil inclúe unha aplicación de cámara cun sistema de selección de escena na liña das cámaras réflex, con axustes en tempo real para poder elixir entre os modos HDR, paisaxe, retrato, macro, deporte, noite, panorámica e bokeh, para poder tomar boas instantáneas sen ter que realizar axustes avanzados, que si poderán realizar os usuarios máis experimentados axustando manualmente a exposición, a ISO, o enfoque, o balance de brancos e a velocidade de obturación, con resultados que poden verse en pantalla en tempo real. Tamén inclúe unha aplicación de edición fotográfica de Snapseed para conseguir resultados de calidade dende o propio móbil.
Deixando a un lado a face fotográfica, o Kodak Ektra é un smartphone que funciona con Android 6.0, procesador Helio X20 de 10 núcleos a 2,3 GHz, 3 GB de RAM, 32 GB de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas microSD) e batería de 3.000 mAh con carga rápida a través do seu porto USB-C.

O exterior do smartphone Kodak Ektra parece máis unha cámara fotográfica que un teléfono, tanto en acabados como en ergonomía

PUBLICIDADE