Kodak prepara unha nova cámara de acción para a gravación de vídeo envolvente en 4K

mércores, 21 de setembro do 2016 Marcus Fernández

O ano pasado Kodak puxo á venda por uns 499,99 euros a súa cámara de acción PixPro SP360 4K para facilitar a captura de vídeo de 360 graos, aínda que para conseguir gravar vídeo en 360 graos era preciso facerse con dúas cámaras colocadas en sentidos opostos (levando o seu prezo a 999,99 euros) o que claramente era unha barreira para a súa comercialización, e finalmente parece que van solucionar a situación cunha revisión desta cámara que vén de presentarse na feira Photokina.
A Kodak PixPro 4KVR360 será unha cámara con Wi-Fi, NFC e Bluetooth que sairá á venda a primeiros de 2017 probablemente por preto de 500 euros e que está composta por dous sensores BSI CMOS de 20 Mpíxeles con cubertas que achegan un ángulo de visión de 155 graos na súa parte dianteira e de 235 graos na súa parte trasira, de xeito que tanto permite a gravación de vídeo plano en ultra alta definición coa cámara frontal como poden combinar ambas imaxes para crear imaxes (de até 27 Mpíxeles) e vídeo esférico.
Este produto pode controlarse mediante un mando a distancia ou cun smartphone conectado sen fíos, e é resistente á auga, polo que sería ideal para o seu uso en exteriores, converténdose nunha solución bastante atractiva para a captación de contidos en 360 graos que poderán compartirse a través dunha aplicación móbil en Facebook e YouTube.

Vídeo de Cinema5D.com no que dan conta da nova cámara de Kodak

PUBLICIDADE