Kodak lanza un marco dixital con batería incorporada

xoves, 25 de xuño do 2009 Raquel Noya

A compañía de produtos e servizos de fotografía, Kodak, que recentemente anunciou a desaparición do mercado da súa película de diapositivas Kodachrome, a considerada polos profesionais como “o produto icona da casa” (por falta de vendas), vén de dar un paso máis na súa inminente conversión total á fotografía dixital, lanzando en Europa un innovador marco dixital que non precisa cables para estar permanentemente conectado.
Este novo dispositivo, o Kodak Easyshare S730, conta cunha batería recargable incorporada con unha hora de autonomía, que lle permite aos usuarios levar o marco dixital de un lado para outro sen ter que preocuparse pola súa desconexión durante un tempo.
Asemade, o marco incorpora a nova tecnoloxía Picture Finder, que permite acceder ás fotografías con facilidade e rapidez, podendo navegar por elas como se dun álbum fotográfico convencional se tratase.
O marco S730 tamén conta, entre outras cousas, con capacidade para almacenar ata 8000 fotografías, con un XB de memoria interna, con pantalla LCD sen mercurio, con modo de collage dinámico para ver as fotografías cunha visual rápida, con software Kodak EasyShare Digital Display para sincronizar o dispositivo coas imaxes gardadas no ordenador do usuario e con reprodutor de vídeos e música incorporado.
Este marco dixital atópase dispoñible en Europa dende hoxe mesmo, a un prezo de 149 euros.

PUBLICIDADE