Kalacam, unha cámara de acción que aboia na auga

luns, 9 de xullo do 2018 Marcus Fernández

En Indiegogo está a buscar financiamento unha cámara de acción de fabricación chinesa, que pretende comezar a remitirse aos seus mecenas este mesmo mes, e que resulta rechamante por promocionarse como «a primeira cámara de acción 4K flotante do mundo».
A Kalacam é unha cámara de acción con forma esférica, que está dotada cun sensor CMOS de 4K e a súa carcasa permítelle soportar impactos e inmersións na auga até a 30 metros de profundidade, de xeito que temos un trebello moi práctico para a gravación de actividades ao aire libre e incluso debaixo da auga, sendo moi curioso o feito de que o dispositivo flote, de xeito que pode levarse á piscina, ao río ou ao mar sen medo a que remate no fondo e sexa complicada ou imposible a súa recuperación.
Esta cámara 4K pode controlarse cunha aplicación móbil, ten un sensor de 16 Mpíxeles (de xeito que pode tomar fotografías de 16 Mpíxeles e vídeo cunha resolución de 3.840 x 2.160 píxeles) e un angular de 155 graos, integra un estabilizador de imaxe de 6 eixes, batería de 1.050 mAh (capaz de gravar até 65 minutos en 4K ou 90 minutos en Full HD) e o mellor de todo é que o seu prezo non é esaxerado, pois aínda é posible adquirir unha destas cámaras por 99 dólares (ou pro 119 dólares cunha tarxetas microSD de 32 GB) incluíndo gastos de envío, ou sexa que este trebello tan propio para o verán pode conseguirse por uns 84 euros.

Vídeo promocional da Kalacam

PUBLICIDADE