Kairos acepta pedidos para os primeiros reloxos híbridos smart/mecánicos

luns, 19 de maio do 2014 Marcus Fernández

Os smartwatches son uns produtos emerxentes dos que aínda non está nada claro o tipo de dispositivos que trunfará, pois as distintas propostas son moi diversas, indo dende simples receptores de notificacións ata teléfonos completos que poden levarse no pulso, destacando bastante a proposta de Kairos Watches, compañía que vén de abrir o seu proceso de reservas ata o 1 de xullo para poder facerse cos seus novos reloxos de pulso con descontos de entre un 50 e un 60%, con prezos que parten dos 499 dólares para o modelo de metal ata os 1.199 dólares para o modelo de ouro (400,50 e 911,15 euros con portes respectivamente), que comezarán a chegar a mans dos seus compradores no mes de decembro.
Estes reloxos de pulso comunicaríanse cun smartphone con iOS ou Android a través de Bluetooth 4.0, e aínda que teñen a forma dun reloxo ordinario (cun acabado de calidade) sobre a súa esfera integra unha pantalla TOLED cunha transparencia do 40%/60% e funcionaría cun procesador Arm Cortex M4 e sistema operativo Kairos OS (no futuro tamén podería ter opción de Android Wear OS) e batería de 180 mAh que pode cargarse dun conector magnético USB e que achegaría unha autonomía de entre 5 e 7 días. Os reloxos serían resistentes á auga e o seu cristal de zafiro tamén protexería de agresións físicas a súa pantalla/esfera.
Este híbrido entre smartwatch e reloxo mecánico podería recibir notificacións de mensaxes de texto, correos electrónicos, chamadas recibidas..., comunicarse con aplicacións como Facebook, Twitter ou WhatsApp, empregarse como mando a distancia para o control multimedia, aproveitarse como cuantificador da nosa actividade física e ten soporte para varios idiomas (entre os que figura o español).


Vídeo de presentación dos novos reloxos de Kairos Watches

PUBLICIDADE