Kabezabolo xa supera a barreira das 20.000 descargas libres do seu último traballo

venres, 24 de agosto do 2007 Fernando Sarasketa

Hai persoas que son imprevisibles até cando todo o mundo agarda que fagan algo imprevisible. É dicir: xa sabemos que van facer algo sorprendente, moito de antemán, e aínda así non che queda outra que pestanexar de puro abraio. A Manolo Kabezabolo se lle poden chamar moitas cousas, e a el é moi probable que eses cualificativos lle importen ben pouco, pero non se lle pode chamar incoherente. Logo de toda unha vida habitando no extrarradio musical, alí onde dificilmente chegan os ventos do mainstream (esa corrente que non se desvía da canle do beneficio fundamentalista e á que se chega petando nas portas de Alejandro Sanz, entre outros moitos), case caía de caixón que apostase pola descarga libre das súas cancións na Rede. Ou se cadra non tanto, e non deixa de ser unha sorpresa.
O caso é que o seu último traballo Aversións (no que homenaxea a xente tan dispar como Loquillo, Bod Dylan ou Jeanette, entre outros), xa foi descargado dende a súa web por máis de 20.000 persoas e vai camiño de converterse precisamente naquilo que a SXAE menos desexaba: un éxito, aínda que moderado.
A iniciativa, que está a ser criticada pola dita Sociedade Xeral de Autores e Editores se cadra polo “mal exemplo” que segue a dar Kabezabolo, encabézase na páxina web do autor con esta frase que, ollada polo miúdo, vale para o cantante en cuestión e tamén para todos aqueles que algunha vez quixeron gozar da música en xeral e non puideron facelo por mor dunha barreira con feitura de prezo, a dos 18 euros de cada novidade: “Temos unha mensaxe para a SXAE e a industria discográfica… Ke vos fodan! A músika é patrimonio da humanidade non do diñeiro, nin das leis de autor”.

PUBLICIDADE