Julio Sánchez Agrelo incorpórase ao Consello Asesor de Emetel
martes, 28 de marzo do 2023
A consultora
tecnolóxica Emetel incorporou ao seu Consello Asesor a Julio Sánchez Agrelo,
quen dirixiu durante case 20 anos a División de Rede do operador de
telecomunicacións galego R e que, actualmente, é presidente da Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicacións de Galicia, decano do Colexio
Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicacións de Galicia e vogal no Colexio
Oficial e Asociación Española de Enxeñeiros de Telecomunicación.
Sánchez Agrelo
conta cunha experiencia de máis de 30 anos no sector TIC. Durante 19 anos
dirixiu a División de Rede do operador de telecomunicacións galego, R,
facéndose cargo desde o momento inicial da enxeñería, da construción e da operación
e mantemento de toda a súa infraestrutura. Ademais, foi o director dos
Datacenters do grupo R/Euskaltel.
Por outra banda,
foi membro de diferentes consellos de administración, así como iniciou o seu
propio negocio sendo emprendedor no mundo dixital, converténdose en cofundador
de HUB Dixital, a primeira escola de negocios dixitais de Galicia (formación,
outsourcing, selección e aceleración do Talento Dixital).
O presidente de
Emetel, Manuel Lago, considerou esta incorporación como un orgullo: “Que se
incorpore alguén como Julio Sánchez, sen dúbida axudaranos en todos os retos
que temos por diante e achegaranos toda a súa experiencia e liderado en
proxectos tecnolóxicos para potenciar a estratexia de crecemento da compañía”.
Pola súa banda,
Sánchez Agrelo destacou que “nun mundo tan competitivo como é o do sector TIC,
supón un gran reto colaborar nunha compañía como Emetel e contribuír ao seu
crecemento". Neste sentido, “espero poder axudar activamente a conseguir
este obxectivo, logrando que a compañía se fortaleza como referente en
infraestruturas tecnolóxicas, procesos de transformación dixital e
ciberseguridade, de maneira completa e transversal”.
Deste xeito, con
esta incorporación no seu Consello Asesor, Emetel reforza o seu obxectivo de
achegar valor a través de tecnoloxía innovadora e útil como motor para a
transformación cultural e dixital das empresas.