José Luis Barreiro, Accegal e LIFE+ Viñas Atlánticas, entre os recoñecidos na vindeira Noite das Telecomunicacións
xoves, 18 de outubro do 2012
- Enrique Costa, Jonathan Juncal e Fátima García, responsábeis de Accegal
No marco da Noite
Galega das Telecomunicacións que organizan o Colexio
Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de
Galicia (COETG-AETG) haberá, como
avanzamos dende Código Cero, unha serie de importantes
recoñecementos aos nosos profesionais, sobre todo por ter destacado
no pulo á modernización tecnolóxica da nosa terra. Un dos
recoñecementos da Noite, que se celebra o
vindeiro día 26 de outubro na Toxa co eixe temático das cidades
dixitais, irá dar a mans de José Luis Barreiro Conde, profesional
TIC e antigo directivo do Grupo Televés, que a AETG-COETG nomeará
Enxeñeiro do Ano.
No transcurso da gala, que contará coa presenza da directora da
Axencia para a Modernización Tecnolóxica
de Galicia, Mar Pereira, tamén se lle
concederá á aplicación móbil Pictodroid Lite, da empresa viguesa
Accegal, o Premio ao Mellor Proxecto TIC
con Beneficios Sociais.
Pola súa parte, o Premio Enxeñeiro
Gerardo García Campos á Mellor Iniciativa Empresarial no
sector TIC 2012 recaerá na empresa Vmodal Interactive pola súa
solución tecnolóxica Intellixente. La Voz de tu cliente.
O Premio Gradiant á Mellor Tese
Doutoral aplicada ao sector TIC irá
dar a mans de Guillermo López Taboada pola súa tese Design
of Efficient JAVA Communications for High Performance Computing.
José Luis
Barreiro Conde
Volvendo a José Luis Barreiro Conde,
sinalar que con esta distinción, a AETG-COETG quere recoñecer o
seu destacado labor profesional como enxeñeiro de Telecomunicación,
quen desde o punto de vista colexial participou activamente na
fundación da AETG e desde o punto de vista profesional foi o
responsable de impulsar o moderno modelo produtivo de Televés e máis
da implantación da loxística do Grupo.
O COETG e a AETG valoraron como razóns
determinantes do outorgamento do Enxeñeiro do Ano a José
Luis Barreiro Conde “a súa dedicación total e versatilidade
como enxeñeiro, a contribución á
modernización do Grupo Televés, ao que lle dedicou máis de
trinta anos, e a súa capacidade para estender a súa actividade a
outros eidos con notable éxito”.
Pictodroid Lite de Accegal
O Premio
ao Mellor Proxecto TIC con Beneficios Sociais,
outorgando pola AETG e impulsado pola AMTEGA recaeu como
dixemos na aplicación móbil Pictodroid
Lite de Accegal, ferramenta
da que temos falado en detalle en Código Cero, mesmo con motivo da
súa presentación. Segundo
informa a asociación galega de enxeñeiros,
estamos ante un proxecto
de colaboración entre o Centro de Educación Especial Manuel López
Navalón (centro público da Consellería de Educación)
e o Grupo de Tecnoloxías da Información (GTI) da Escola de
Enxeñería de Telecomunicación da Universidade de Vigo para a
creación de
solucións de accesibilidade para as persoas con diversidades
funcionais e/ou motrices baseadas en
dispositivos móbiles. Trátase, engade a
AETG, dun sistema alternativo e aumentativo
de comunicación destinado aos devanditos
colectivos (persoas
con problemas severos de comunicación,
afectadas por parálise cerebral, nenos autistas) que
se fornece como
aplicación para trebellos Android e que permite “aos
usuarios comunicarse a través do uso de pictogramas (signos que
representan de xeito esquemático
un símbolo, obxecto real ou figura), versión en modo acumulativo
que
permite crear oracións simples”. As
oracións, de feito,
créanse escolmando
os pictogramas que pertencen a diferentes categorías (suxeito,
verbos, predicados, outros, ...). Unha ver realizada a oración, o
sistema procederá á lectura da frase formada.
O Premio INEO, para a Deputación de
Pontevedra
No tocante ao Premio
INEO ao Produto ou Servizo TIC máis innovador do 2012,
o galardón recae no
Proxecto LIFE+ Viñas Atlánticas da Deputación de Pontevedra,
quen lidera o proxecto en colaboración coas adegas Martín Códax,
Condes de Albarei e
Paco&Lola. Este premio, destinado a
recoñecer as aplicacións das novas
tecnoloxías aos sistemas de operatividade empresarial e industrial,
foi dar á iniciativa LIFE+ Viñas
Atlánticas polo seu importante potencial na mellora dunha actividade
de longa tradición na nosa terra como a da viticultura. Estamos ante
un proxecto que xorde co obxectivo de desenvolver un Sistema
de Xestión Ambiental sostible e produtivo para as adegas,
e todo mediante a
protección da biodiversidade, a redución de emisións de carbono e
a explotación sostíbel. O
proxecto da Deputación de Pontevedra, do que tamén falamos en
Código Cero, foi cualificado na súa presentación en sociedade
como a primeira iniciativa de viticultura intelixente de toda
España,“xa
que se cingue os métodos de traballo tradicional no sector do viño
coas novas tecnoloxías, aproveitando os datos que se producen decote
durante a campaña vitícola e xerando así información nova que
permite mellorar a xestión e a sustentabilidade económica e
ambiental das adegas e viticultores integrados no proxecto, facéndoos
máis competitivos”. De feito,
conséguese aumentar a calidade da produción e da contorna natural,
grazas á participación de tódolos explotadores.
Pulo ao proxecto Intellixente
No que atinxe ao
Premio Enxeñeiro Gerardo García Campos
á Mellor Iniciativa Empresarial no
sector TIC, lembrar
que recoñecerá o labor da empresa Vmodal
polo proxecto Intellixente.
Este galardón, patrocinado pola Fundación
do mesmo nome e dotado con 6.000 euros, quere distinguir este ano o
valor da solución achegada por Vmodal, unha tecnoloxía que, como
sinalamos este mes de outubro, diríxese a facilitar ás empresas
a comunicación total cos seus clientes, tirando partido das redes
sociais. Segundo explica a AETG, estamos ante “unha
solución segura e fiable que en 5 pasos permite entender o cliente e
utilizar a súa voz como material de aprendizaxe organizativa para a
mellora de procesos”.
Distinción a
Guillermo López Taboada
Finalmente valoráronse como razóns
determinantes para a concesión do Premio Gradiant á Mellor Tese
Doutoral aplicada ao sector TIC, que lle correspondeu a Guillermo
López Taboada pola súa tese Design of Efficient JAVA
Communications for High Performance Computing, a innovación e
potencial do proxecto así como o esforzo realizado na
comercialización e obtención das licenzas correspondentes.