Joaquín Lameiro, Enxeñeiro do Ano 2018 do COETG e a AETG

venres, 25 de maio do 2018 Fernando Sarasketa

O vindeiro venres día 1 de xuño, no marco da Noite Galega das Telecomunicacións, Joaquín Lameiro Paz recollerá o galardón de Enxeñeiro do Ano 2018 que entregan o Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (COETG-AETG), xunto co resto de galardoados no transcurso da Noite Galega das Telecomunicacións que terá lugar en Vigo, dos que dimos conta os días pasados dende Código Cero. Para quen non o saiba, a Noite chega este ano á súa 23 edición, sendo o seu fío temático principal a información a gran escala, o chamado Big Data.
Volvendo a Lameiro, sinalar que será homenaxeado pola “súa exemplar traxectoria profesional e o seu fondo compromiso co desenvolvemento do sector das telecomunicacións no noso país”.É enxeñeiro superior de Telecomunicación pola ETSIT de Madrid, e durante 38 anos desenvolveu a súa carreira profesional na industria das TIC e dos servizos de consultoría tecnolóxica. Traballou para Wang Laboratories e tamén para IBM, na que ocupou diversos postos de responsabilidade. Entre os anos 1999 e 2014 foi director rexional da devandita multinacional informática na zona noroeste de España, ocupándose da representación institucional da empresa e da relación con clientes e socios. Pertenceu tamén ás xuntas directivas do COETG e a AETG durante varios anos e foi director a revista da AETG, A Nosa Rede.

PUBLICIDADE