Jaybird fai resistentes á auga os seus auriculares deportivos sen cables

martes, 29 de xaneiro do 2019 Marcus Fernández

Cada vez son máis os modelos de auriculares totalmente sen fíos que chegan ao mercado, e nesta liña Jaybird vén de renovar os seus Run XT, auriculares que prometen un son premium e un deseño lixeiro, e que nesta revisión incorporan resistencia á suor e á auga (IPX7), o que supón unha interesante aportación para a práctica deportiva, por ser resistente á intemperie e capaces de soportar condicións adversas.
Estes auriculares, en contraste con outros auriculares de tamaño reducido, si apostan por son de calidade, permitindo tamén a súa personalización, de xeito que a súa ecualización é totalmente axustable a través dunha aplicación móbil.
Para adaptarse a distintas formas de ouvido e orella, os Run XT inclúe aletas e extremos intercambiables, de xeito que conseguen un axuste cómodo e preciso, para que poidan empregarse con seguridade, de xeito que a falta de cables non supón que vaian extraviarse.
A autonomía destes auriculares tamén é bastante boa, ofrecendo até 4 horas de reprodución, que poden ampliarse até 8 horas máis recargándoos na súa funda de transporte.
Os Jaybird Run XT comunícanse co móbil por Bluetooth 4.1 (con HFP, HSP e A2DP) podendo empregarse tanto para escoitar música como para falar por teléfono en mans libres. Contan con botóns de control para a reprodución musical e a xestión de chamadas e, de querer buscarlle pegas, o seu principal problema é o prezo, que nos EE.UU. é de 179,99 dólares (157 euros) polo que competirían con dispositivos de maior presenza no mercado e unha sona moito mellor.

Entre os auriculares e o estoxo de carga os Jaybird Run XT acumularían unha autonomía de 12 horas

PUBLICIDADE