JayBird Sportsband: auriculares sen fíos para facer deporte

martes, 29 de xuño do 2010 Marcus Fernández

Para evitar as incomodidades dos cables ao escoitar música cando practicamos deporte temos os auriculares JayBird Sportsband, que funcionan por Bluetooth, polo que poden funcionar en combinación co iPhone e moitos outros teléfonos e reprodutores multimedia, aínda que o mesmo fabricante tamén comercializa accesorios para transmitir por Bluetooth o son de fontes de audio con conector de Apple ou conector de auriculares estándar.
O JayBird Sportsband funciona con Bluetooth 2.0 e A2DP, incorporando tamén un micrófono para poder operar coma mans libres do móbil (pode emparellarse con dous dispositivos á vez, de xeito que podemos escoitar música tranquilamente sen temer perder unha chamada ao móbil) e a súa autonomía para reprodución musical é de 8 horas, aguantando a súa batería 11 horas en conversa e 250 horas en espera. Cárgase por USB, precisando de 2 horas e media para unha carga completa.
Estes auriculares miden 16 x 15 centímetros, cun grosor de 3 centímetros na súa diadema e de 4,3 centímetros nos propios auriculares. O seu peso é de 106 gramos. Integran botóns de control musical (reprodución, pausa, anterior e seguinte), de chamadas (responder, colgar e rexeitar chamada) e de propósito xeral (control de volume, emparellado de dispositivos e acendido/apagado).
Están á venda por 99 dólares nunha ampla gama de cores (verde, 2 tons de azul, laranxa, 2 tons de vermello, negro, rosa e branco).

JayBird comercializa adaptadores para transmitir son en alta calidade a través de Bluetooth en dispositivos que non soportan tal tecnoloxía de serie

PUBLICIDADE