JEALSA e a ABE botan man das tecnoloxías para apoiar o comercio de Boiro

venres, 22 de maio do 2020 S. P.

A empresa boirense JEALSA Rianxeira puxo en marcha para os seus empregados a plataforma JEALSA Club, unha aplicación móbil interna con diferentes funcionalidades. Segundo fixo saber a conserveira, unha das vantaxes que ofrece a ferramenta é o seu Club de Descontos, onde diferentes empresas ofrecen os seus servizos ou produtos para o persoal de JEALSA Rianxeira. Para dar forma á app e para conseguir promover ao máximo o tecido empresarial e comercial do concello de Boiro estableceuse un acordo coa Asociación Boirense de Empresarios (ABE) como entidade representativa do comercio local.
En base a esta nova alianza, os socios da entidade poderán incorporarse “de maneira preferente” á plataforma, onde ocuparán un lugar destacado para ofrecer promocións e descontos ao persoal de traballadoras e traballadores da referencial firma boirense de produtos do mar.
Nesta primeira fase do proxecto foron 25 os socios da ABE que solicitaron adherirse á plataforma e os primeiros xa se atopan activos na ferramenta.
Segundo informaron JEALSA e a ABE, trátase dun “proxecto dinámico” aberto a novas solicitudes e incorporacións.
Ademais da inclusión preferente de socios e socias da entidade, o acordo recolle a realización de campañas internas de sensibilización do comercio local entre o persoal de JEALSA e un sistema de comunicación para que a ABE poida trasladar información das diferentes campañas que organiza.
Margarita Hermo, directora de Relacións Institucionais de JEALSA, sinalou que “cando empezamos a traballar neste proxecto, xa a finais do pasado ano, reunímonos coa ABE con vistas a facela partícipe do mesmo, xa que entendemos que o comercio local debe formar parte de JEALSA Club, e máis hoxe en día, tras ver como os nosos veciños/as están sendo afectados polos peches ou o cesamento de actividade derivados desta pandemia”.
Pola súa banda, Daniel García, presidente da ABE, dixo que “o acordo non so é importante por facilitar aos nosos socios a posibilidade de chegar a un elevado grupo de clientes potenciais senón tamén por aumentar o grao de colaboración con JEALSA, unha empresa fundamental para a economía de Boiro que tamén e socio protector da ABE”.
O xerente da asociación, Tomás Estevez, engadiu que “esta colaboración resulta de especial importancia para o comercio local xa que neste intre é fundamental que sexamos capaces de ofrecer alternativas para ampliar as canles de venda dos asociados”.

PUBLICIDADE