JBL presenta novos auriculares infantís

martes, 15 de outubro do 2024 Marcus Fernández

Pensando nos cativos JBL trae ao mercado tres novos modelos de auriculares infantís que incorporan unha nova xeración da tecnoloxía JBL Safe Sound, con límites de volume, tempo de reprodución, informes de actividade e recordatorio de conta atrás personalizado, á vez que adapta a experiencia sonora aos ouvidos máis pequenos da cativada.
Os auriculares JBL Junior 320BT son uns auriculares Bluetooth 5.3 cun transdutor de 30 milímetros e micrófono integrado, cunha batería de 500 mAh que facilitan ata 50 horas de reprodución musical ou 29 horas de conversa, que poden recargarse completamente mediante USB-C nun par de horas e teñen un prezo de 49,99 euros.
Máis completos serían os JBL Junior 470NC, tamén con conectividade Bluetooth 5.3, pero cun transdutor de maior tamaño (32 milímetros), coa posibilidade de funcionar con cable e con tecnoloxía de cancelación de ruído (que activada reduce a autonomía de reprodución musical ata 28 horas e de conversa ata 20 horas). O seu prezo é de 79,99 euros.
Máis accesibles serían os JBL Junior 320, que teñen un prezo de só 29,99 euros, polo que carecen de conectividade sen fíos (só funcionan mediante cable) e das prestacións e control paterno con volume e tempo de reprodución personalizables dos modelos con Bluetooth.

JBL pon á venda tres modelos distintos de auriculares infantís, dispoñibles en varias cores