Isonor, única firma galega seleccionada por Red.es para asesorar en comercio electrónico

martes, 10 de xaneiro do 2012 Raquel Noya

A empresa galega Grupo Isonor, vén de ser seleccionada pola entidade pública Red.es para colaborar activamente no Programa de asesoramento a PEMES en comercio electrónico BC2, axudando a implantar sistemas e ferramentas de comercio electrónico de seu nas empresas que o soliciten.
A firma, con sede en Santiago de Compostela, está formada polas empresas Excelentia, Formanor, Lopdat, Softic e Externor, todas elas especializadas en consultaría e solucións de outsourcing, e foi a única de toda a Comunidade seleccionada polo Ministerio de Industria, Turismo e Comercio para este exercicio.
O programa de Red.es ten como función darlle pulo á oferta de produtos e servizos na rede da empresa ao consumidor (coñecido como B2C polas siglas en inglés de Business to Consumer), tanto ampliando dita oferta, como mellorándoa con tendas en liña de calidade e potencial de crecemento.
Para iso, como empresa colaboradora deste programa, o Grupo Isonor, vai tratar de desenvolver e fortalecer a capacidade das pequenas e medianas empresas galegas para expandir e potenciar o seu negocio a través de novas canles de venda, así como adoptar unha estratexia comercial para iniciar un proxecto de venda en liña e facilitar o seu posicionamento na Rede. Neste “periplo”, a firma compostelá deberá destacar a importancia dos aspectos operativos, técnicos, loxísticos e legais para garantir o éxito da tenda virtual.
Xa que logo as empresas que soliciten asesoramento, por certo remata o prazo o vindeiro 13 de xaneiro, poderán incorporar con éxito o comercio electrónico no seu negocio, e explorar novos mercados e novos clientes que contribúan a mellorar a súa competitividade, produtividade e crecemento.
O programa inclúe asesoramento personalizado e individualizado en comercio electrónico, asesoramento no estudo da competencia, asesoramento sobre marketing en liña e analítica web, así como asesoramento nas técnicas de avaliación do posicionamento web, entre outras facetas.
As empresas seleccionadas recibirán unha subvención por valor de entre o 75 e o 85 por cento do importe do programa, cun importe máximo de 40.000 euros.
Para recibir máis información ou acollerse a esta axuda, as persoas interesadas deben poñerse en contacto co Grupo Isonor, a través do teléfono 981 062 509 ou ben a través do corre electrónico subvenciones@grupoisonor.es.

PUBLICIDADE