“Internet non é unha ameaza, senón todo o contrario” (Ánxela Bugallo)

xoves, 30 de novembro do 2006 Redacción

Falamos con Ánxela Bugallo (conselleira de Cultura) dos proxectos do seu departamento para preservar e poñer en valor o patrimonio galego a través da Rede.

A conselleira sinalou que a Cidade da Cultura non se poderá concibir sen a concorrencia das novas tecnoloxías

En definitiva: a Ánxela Bugallo, conselleira de Cultura, gústalle Internet. Emprega a Rede a cotío como ferramenta de traballo para documentarse e considera que, lonxe de constituír unha ameaza, permite validar a nosa lingua como algo “vivo e vizoso”. En Código tivemos oportunidade de sometela a unha enquisa que (que lle imos facer!) non parou de dar voltas arredor do mesmo tema: a Rede, con tódolos seus “derivados” e “consecuencias”. Moitas cuestións, por razóns de espazo e tempo, ficaron para sempre na bandexa de borradores, como por exemplo a fenda dixital ou as redes de intercambio de ficheiros (eMule, Soulseek). Mais outras como o blogomillo ou a presenza da Rede na Cidade da Cultura (onde será un material de construción máis) tiveron desenvolvemento. Ademais, Bugallo adiantounos datos sobre un dos grandes proxectos web da Consellería: prazadasletras.org, web encamiñada a conseguir que por fin tódolos galegos esteamos orgullosos do noso patrimonio literario.

-Un dos grandes obxectivos da Consellería que vostede dirixe é espallar a cultura galega dentro e fóra de Galiza. Pódese conseguir isto sen a concorrencia da Rede? Dito doutro xeito: poderá perdurar a nosa cultura e a nosa lingua aínda que lle deamos as costas á Sociedade da Información?
-Precisamente un dos nosos obxectivos a medio prazo é a creación dun portal da cultura galega en varios idiomas dirixida a un público non galego. A idea é que esta web sexa a punta de lanza da nosa política de proxección exterior.
-Ten futuro o galego en Internet?
- Non hai dúbida de que ningunha cultura sobrevive se non é quen de se adaptar ás novas circunstancias que a rodean. Sen embargo eu non creo que Internet sexa unha ameaza, senón todo o contrario. Creo que é unha auténtica oportunidade para validar o galego como unha lingua viva e vizosa: se ti estás a estudar no estranxeiro é Internet quen che permite seguir en contacto coa túa lingua e coa túa cultura.
-É vostede internauta? E, se o é, para que o emprega, se non é indiscreción?
-Son internauta, si. Emprego a Rede fundamentalmente como ferramenta de traballo para documentarme e buscar datos.
-E seguimos coa nosa teima tecnolóxica: cales son as aspiracións que a Consellería de Cultura ten depositadas na súa web e, por extensión, en tódolos seus proxectos na Web (referímonos por exemplo ós espazos virtuais dos distintos departamentos)?
-Para nós a Rede é unha ferramenta esencial de comunicación e creo que o estamos a demostrar tanto coa web da Consellería como coa de DeporteGalego.eu, a nova páxina do IGAEM ou a da Axencia Audiovisual Galega, organismo que vén de nacer co seu espazo en liña debaixo do brazo. E todas estas webs teñen un denominador común: son parte indisociable das nosas políticas e do noso xeito de comunicar e de establecer relación coa cidadanía. Por unha banda, calquera persoa pode estar ó tanto dos programas que estamos a levar a cabo, tanto a curto como a medio prazo, pero tamén poderá saber que axudas hai, como conseguir unha bolsa ou apuntarse a un congreso. Tamén desde hai uns meses estamos a publicar tódolos os libros da Consellaría en formato PDF. Por outra banda, temos unha sección especial para os xornalistas, na que poden atopar, ademais das noticias que producimos, todo tipo de imaxes e información complementaria para que poidan ter máis elementos de xuízo á hora de facer o seu traballo.
-Que opinión lle merece a vostede isto do blogomillo, que, como saberá, é un fenómeno social e cultural que está a ser cuestionado agora en diversos medios e mesmo no propia blogosfera porque se considera dende estes medios que é endogámico de máis, pechado e moi dependente de catro ou cinco bitácoras senlleiras que son as que marcan o paso?
-Eu creo que a estas alturas o blogomillo non é nin endogámico nin pechado e reflicte bastante ben a pluralidade de ideas e opinións que ten a sociedade galega no seu conxunto. A min paréceme un fenómeno interesante que ten relación co que diciamos antes, que a comunicación ten máis posibilidades grazas a internet, porque a audiencia non é pasiva como a dos medios tradicionais, senón que na rede todos somos emisores e receptores á vez e hai unha maior variedade de fontes.
-Como saberá, hai moitas páxinas web feitas dende Galiza que non ofrecen versión en galego, e falamos incluso de espazos desenvolvidos dende concellos onde, polo menos teoricamente, se lle tería que emprestar máis atención a estes temas. Que lle diría a unha empresa ou institución da nosa terra que queira achegar servizos en liña e prefira optar polo castelán e o inglés antes ca polo galego?
-En canto ás institucións, diríalles que han de respectar a legalidade vixente que as obriga a facer as súas comunicacións públicas en galego. No que a empresas se refire, tanto o Goberno como a sociedade galega no seu conxunto, ten que demostrarlles que comunicar en galego non só é rendible senón que é un plus para achegárense aos seus clientes.
-Coa man no corazón, que opinión lle merece o movemento da cultura libre que defende o uso de Internet como canle aberta de intercambio de fotografías, cancións, libros ou programas informáticos? Non lle parece que todos debemos ter acceso á cultura e que o acceso a esta, en ocasións, semella máis un luxo para ricos ca un dereito universal?
-Nestes momentos hai unha lexislación que protexe os dereitos de autor para aqueles que así o desexen, así que non temos máis remedio que acatalo, pero cremos que hai que compatibilizar o dereito de propiedade intelectual co dereito ao acceso universal á cultura. Por iso, estamos a prol dos códigos abertos no software e das licenzas Creative Commons e do copyleft para os contidos. É máis, todas as nosas webs están realizadas con software libre e teñen RSS.
-Imaxinamos que na cuestión do espallamento da cultura a través de Internet e noutras cuestións semellantes terá que estar vostede en conexión directa con outras consellerías, como por exemplo a de Innovación, non é así? En que senso?
-Estamos a traballar en moitas direccións. Precisamente agora vimos de colaborar con esta Consellaría na elaboración do Plan da Sociedade da Información que se vén de presentar.
-Ten a Consellería algún proxecto do que vostede nos poida falar que cumpra cos seguintes requisitos: que sexa normalizador do uso do galego, do coñecemento da nosa cultura e do emprego das novas tecnoloxías da información?
-Por exemplo o proxecto Praza das Letras, que vai ser unha web moi ambiciosa dedicada ao mundo do libro galego e da lectura. Xa publicamos un adianto en formato revista, que podedes baixar desde aquí: http://www.prazadasletras.org/, pero en 2007 converterase no lugar de referencia do sector, con noticias de actualidade, información útil e análises.
-Imos agora coa Cidade da Cultura. Pódenos informar de se está previsto ou non algún espazo ou servizo onde se toque de preto a cuestión da Sociedade do Coñecemento?
-A Sociedade do Coñecemento está presente en todo o proxecto da Cidade da Cultura. En breve presentaremos o proxecto definitivo para o Monte Gaiás, pero a Sociedade do Coñecemento é unha liña transversal que pasa por todas as funcionalidades do complexo, desde a Biblioteca Nacional ata o Arquivo, o obxectivo é a universalización da cultura e do coñecemento.

PUBLICIDADE