Intel comercializará os seus propios sticks HDMI con Windows 8.1

mércores, 7 de xaneiro do 2015 Marcus Fernández

Intel aproveitou a celebración do CES en Las Vegas para presentar moitas das súas tecnoloxías, entre as que non faltou un tipo de produto que podería gañar moita sona nos vindeiros meses, o Intel Compute Stick, un trebello cun formato semellante a unha unidade de memoria USB pero cun conector HDMI de xeito que podería converter a calquera pantalla con entrada HDMI nun ordenador completo que pode funcionar con Windows 8.1 ou con Linux.
Estes pequenos dispositivos integran un procesador Intel Atom de catro núcleos (Z3735F), conectividade Wi-Fi e almacenamento interno ampliable mediante tarxetas microSD, de xeito que facilitaría levar un escritorio informático completo na palma da man.
Este tipo de trebellos chegará ao mercado no mes de marzo e pode ter usos moi variados, como o de servir como centros multimedia no fogar, facilitar a integración corporativa de thin-clients ou fornecer o corazón dun equipo en localizacións públicas (como quioscos ou paneis informativos).
Está previsto o Intel Compute Stick saia á venda por só 149 dólares (126,17 euros) nunha configuración con 2 Gb de RAM, 32 Gb de almacenamento interno, USB, HDMI 1.4a, lector de tarxetas microSD, Wi-Fi N, Bluetooth 4.0, un conector micro USB (que serviría para alimentar o dispositivo) e Windows 8.1 (con Bing). E aínda que actualmente xa existan solucións semellantes por menos de 100 euros, non gozan dunhas prestacións tan avanzadas , polo que esta proposta pode resultar moi interesante para os que queren algo máis que as funcionalidades básicas que ofrecen, por exemplo, os moitos sticks HDMI con Android que hai no mercado.

PUBLICIDADE