Instagram proba un noso sistema para a recuperación de contas secuestradas

luns, 17 de xuño do 2019 Marcus Fernández

Nos últimos anos houbo algúns sonados casos de influencers que tiveron serios problemas ante o secuestro da súa conta de Instagram, de xeito que, de non someterse á chantaxe tardaban varios días e mesmo semanas en poder recuperar as súas contas de usuarios, co impacto que pode supor en moitos casos tanto pola repercusión económica (ao non poder explotar comercialmente a súa imaxe) como pola perda de visibilidade ante a inactividade dos días da conta conxelada.
Para facilitar a solución deste serio problema (agravado pola pasividade de Instagram á hora de solucionalo) están a probar un novo procedemento de recuperación de contas dende a propia aplicación móbil de Instagram, que consiste no envío de códigos de recuperación aos enderezos de correo electrónico ou números de teléfono orixinais da conta (en vez dos datos de contacto do secuestrador), dificultando o roubo de contas.
Adicionalmente Instagram tamén dificultará a reclamación dun nome de usuario durante un tempo prudencial, de xeito que se ante un roubo de credenciais de acceso alguén muda un nome de usuario coa intención de reclamar o nome de usuarios orixinal non poderá facelo.
Esta nova funcionalidade de Instagram está dispoñible xa para a aplicación para Android, e en breve chegará tamén para iOS, o que suporá a mitigación dun dos grandes problemas de Instagram.

PUBLICIDADE