Instagram presenta novos métodos de verificación de idade

xoves, 23 de xuño do 2022 Marcus Fernández

O acceso non autorizado por parte de menores a redes sociais é un problema difícil de atallar, e para mitigalo dende Instagram anuncian que están a iniciar nos EE.UU. un sistema de verificación de idade que se activa cando alguén tenta editar a súa data de nacemento para figurar como maior de 18 anos, momento cando se lle requirirá compartir un documento de identidade, gravar un vídeo selfie ou solicitar a 3 amigos que verifiquen a súa idade en menos de 3 días.
Estas medidas perseguen unha mellor experiencia en Instagram, acorde á idade dos usuarios. De feito, xa hai tempo que os usuarios de entre 13 e 17 anos teñen unha experiencia de uso distinta á dos maiores de idade, xa que de xeito predeterminado as súas contas figuran como privadas, evitando así que contacten con eles adultos descoñecidos e tamén para restrinxir a súa exposición a anunciantes.
Das opcións de verificación anunciadas a máis rechamante é a do video selfie, xa que trátase dun servizo subministrado pola empresa Yoti, que emprega tecnoloxía de intelixencia artificial para determinar a idade do usuario.

PUBLICIDADE