Instagram prepara un adhesivo para realizar doazóns

martes, 19 de febreiro do 2019 Marcus Fernández

Instagram non cesa de incorporar novidades á súa aplicación, e unha das vindeiras prestacións que podería incorporar sería un adhesivo para as historias que permitiría realizar doazóns para entidades sen ánimo de lucro, segundo vén de desvelar en Twitter a usuaria Jane Manchun Wong.
Facebook xa leva anos ofrecendo a posibilidade de que as organizacións sen ánimo de lucro poidan recadar fondos na súa plataforma, polo que trasladar tal funcionalidade a Instagram semella algo natural, aínda que a súa eficacia sería bastante reducida, xa que non é habitual ter asociados os nosos métodos de pagamento á nosa conta de Instagram, aínda que iso é algo que podería mudar no futuro, xa que cada vez Instagram está a avanzar máis para converterse nunha ferramenta que impulse o comercio electrónico.
Ao parecer, dende Facebook xa recoñeceron estar a traballar no adhesivo para facilitar as doazóns a través das historias de Instagram no seu Communities Summit que tivo lugar a primeiros de mes, e terían atopado rastros de código na aplicación de Instagram para Android, polo que podemos dar por segura esta prestación, aínda que o momento do seu lanzamento podería deixarse para unha ocasión propicia na que haxa algunha campaña importante coa que colaborar ou bote a andar algunha iniciativa para dar un pulo ás vendas directas a través de Instagram.

PUBLICIDADE