Instagram eliminará a sección de Seguidos para protexer a intimidade dos usuarios

luns, 7 de outubro do 2019 Marcus Fernández

A aplicación de Instagram ten unha sección de Actividade na que podemos comprobar a interacción doutros usuarios coa nosa conta e os nosos contidos, como un xeito de estar ao día dos comentarios, gústames e novos seareiros, pero este apartado ten unha subsección na que podemos ver a actividade dos usuarios aos que esteamos seguindo, ou sexa, sabemos das publicacións nas que os usuarios que seguimos deixan comentarios ou fan gústame, o que resulta bastante polémico, xa que pode verse como unha intromisión na intimidade allea, e ten sido fonte de moitos conflitos. Precisamente por iso dende Instagram están a experimentar coa desaparición de tal sección, e aseguran que esta mesma semana a pestana de Seguidos podería desaparecer definitivamente.
Este apartado naceu coa idea de facilitar o descubrimento de novo contido, xa que é posible que os contidos que leven a interactuar aos nosos amigos poidan ser interesantes, pero facer tan público cada vez que un usuario preme ao botón de Gústame sobre unha imaxe ou vídeo non compensaría a funcionalidade de descubrimento de contidos para o que xa existe un apartado específico na aplicación.
Curiosamente boa parte dos usuarios non son conscientes da existencia da pestana de Seguidos, polo que a súa eliminación evitará que ao descubrir tan poidan limitar a súa actividade en Instagram por medo a que sexa observada por terceiros.

PUBLICIDADE