Innovación fai público o xurado dos premios Galicia de Investigación

luns, 14 de abril do 2008 Raquel Noya

A Consellaría de Innovación e Industria vén de facer pública, a través do DOG do 14 de abril do 2008, a composición do xurado dos Premios Antonio Casares e Rodrigo de Investigación Científico-Técnica correspondentes aos Premios Galicia de Investigación 2007, convocados polo departamento que dirixe Fernando Blanco.
O xurado estará presidido polo director xeral de I+D+i, Salustiano Mato de la Iglesia e contará como vocais (en representación das universidades galegas) coa presenza de Xosé María Quintela López, catedrático de Química Orgánica da Universidade da Coruña, María Xosé Alonso Fernández, vicerreitora de Investigación da Universidade de Santiago de Compostela e Ángel Rodríguez de Lera, director da Área de Política de I+D da Universidade de Vigo. Os científicos Pedro Echenique, Ginés Morata e Jesús Mª Sanz completan o xurado dos premios.
O obxectivo destes galardóns, que este ano cumpren o seu décimo aniversario, é recompensar e favorecer o recoñecemento social do traballo de investigadores prestixiosos realizado por galegos e dende Galicia así como estimular o labor dos investigadores mozos.
Como cada ano, nesta edición outorgaráselle o Premio a unha área determinada de investigación, que desta volta lle corresponde á área científico-técnica cun galardón que lembra a Antonio Casares y Rodrigo (1812-1888), investigador destacado no campo da química polos estudos que levou a cabo sobre as augas minerais de Galicia e do Estado español.

PUBLICIDADE