Innovación anuncia novos apoios para o afianzamento de novas canles de distribución audiovisual

martes, 14 de outubro do 2008 Fernando Sarasketa

Dolores Ben, presidenta de AGAPI, e Helena Veiguela, directora xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información

O audiovisual galego contará en breve cun apoio de 600.000 euros encamiñados a favorecer o uso e dispoñibilidade de novas canles de realización e distribución. Así o fixo saber a semana pasada a directora xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información, Helena Veiguela, durante o transcurso das xornadas Novas formas de distribución e consumo audiovisual organizadas no Hotel NH de Santiago por AGAPI. A directora xeral, que salientou o éxito de participación destes encontros, fixo fincapé en que a achega do seu departamento vai dirixida sobre todo á tiraxe de copias en 35 mm. e DVD de longametraxes e telefilmes, dobraxe noutros idiomas e promoción.
Na xuntanza, que se desenvolveu os días 9 e 10 de outubro, participaron (entre outros profesionais do sector en Galiza e España) Rogelio Velasco, de Telefónica; Jacques Roldán, de Sogecable; o consultor europeo Joan Majó; José Ramón García, de Blüsens; e José María Besteiro, de Distrivisión Tv.
No transcurso do foro, que serviu sobre todo para abrir novos vieiros no aproveitamento das posibilidades do dixital como factor de creación e distribución, organizáronse relatorios, debates, mesas redondas e presentacións dirixidos principalmente a avaliar polo miúdo o proceso de incorporación das novas tecnoloxías do coñecemento ao audiovisual. Proceso do que, indicaron, a sociedade galega e o devandito sector ten moito do que tirar partido.

PUBLICIDADE