Ineo desvela este venres o potencial do novo programa europeo de apoio ás TIC

martes, 1 de febreiro do 2011 Fernando Sarasketa

Facer fronte común para que a distancia que aínda separa ás novas ferramentas dixitais das nosas empresas e a cidadanía se acurte o máximo posible. Este é un dos obxectivos da asociación empresarial Ineo e este é o alicerce da xornada que organiza o vindeiro 4 de febreiro en Santiago de Compostela, un encontro vinculado ao Programa europeo de Apoio ás Políticas TIC (ICT-PSP) e que conta coa colaboración da Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia. A xornada achégase como un altofalante do devandito programa, co que comparte obxectivos: acadar unha meirande incorporación e un mellor emprego das novas tecnoloxías na cidadanía, nos gobernos e nas empresas, sobre todo nas de mediano e pequeno tamaño (pemes).
Esta iniciativa, informan Ineo e a dita fundación, diríxese á implantación de tecnoloxía TIC a nivel europeo. Tendo en conta isto, engaden, ten amplas posibilidades de constituírse como unha “boa oportunidade para abrir novos mercados en colaboración con outros axentes do eido da UE”. A xornada será polo tanto unha explicación en detalle do dito programa europeo, poñendo en xogo todo tipo de recursos humanos e técnicos para a resolución de dúbidas e achegando consellos útiles para participar dende a nosa terra na convocatoria.
A sesión, que terá unha metade teórica e outra práctica, celebrarase na sede da Confederación de Empresarios da Coruña, na rúa Eduardo Pondal. As actividades darán comezo ás 10.00 horas, coa recepción de asistentes e, dez minutos máis tarde, a apertura da xornada a cargo de Jorge Cebreiros, presidente de Ineo. Máis tarde intervirá Xavier Alcalá, director da OPIDI (Fundación para o Fomento da Calidade Industrial), quen achegará unha explicación da convocatoria de axudas do programa europeo. A partir das 10.45 horas, Lucía Gregorio (Ineo) e Ana Fernández (OPIDI_Fundación Fomento da Calidade) levarán a cabo unha serie de mesas de traballo prácticas sobre os vieiros de desenvolvemento que pon en xogo o programa.
Segundo informa Ineo, a asistencia á xornada é totalmente de balde, e deberá levarse a cabo a inscrición na conta de correo administracion@ineo.org, indicándose o nome e máis os apelidos da persoa interesada así como a mesa de traballo á que queira acudir.

PUBLICIDADE