Industria convocará concursos para designar ao novo prestador do servizo universal a partir de 2011

mércores, 2 de decembro do 2009 Raquel Noya

Sebastián anunciou o novo servizo universal no marco do FICOD

O Ministerio de Industria, Turismo e Comercio, a fin de mellorar a calidade dos servizos de telecomunicacións no noso país e poñer uns prezos máis accesibles para todo o mundo (tal e como anunciaba Miguel Sebastián a mediados do pasado mes de novembro) vén de publicar na súa web os resultados da consulta pública sobre o servizo universal pechada o pasado 26 de outubro, pola que se recibiron un total de 87 contestacións de usuarios a título individual, 11 de operadores, tres de institucións locais e autonómicas, dúas de organizacións sindicais e sociais e unha de empresas suministradoras de equipos e sistemas.
Á vista dos resultados da consulta, a devandita entidade pública vén de anunciar que incorporará a banda ancha ao servizo universal cunha velocidade mínima de baixada de 1 Mbps, e que nos vindeiros meses procederá a realizar as modificacións pertinentes do marco regulador do servizo universal, así como á convocatoria dos correspondentes concursos de designación de operador encargado da súa prestación a partir do 1 de xaneiro de 2011.
Respostas á consulta por temas:
-Banda ancha no servizo universal
A incorporación da banda ancha ao servizo universal cunhas prestacións mínimas de 1 Mbps de velocidade de baixada atopa un amplo respaldo no conxunto das respostas recibidas.
-Neutralidade tecnolóxica
A neutralidade tecnolóxica que implica a posibilidade de empregar accesos radioeléctricos como os proporcionados por redes móbiles, WiFi ou satélite, é demandada como “unha necesidade” por parte dos operadores e, en xeral, é aceptada polos usuarios, particularmente WiFi, “sempre que se equiparen as prestacións e prezos dos accesos a través de redes móbiles e con máis reparos respecto ao uso do satélite”.
O mesmo ocorre coa posibilidade de establecer límites no volumes de descargas, que é considerada como unha necesidade por parte dos operadores, “para garantir o bo funcionamento destos sistemas”, e é aceptada en boa medida polos usuarios “sempre que se limite a evitar abusos de una poucos que repercutan negativamente no servizo ofrecido aos demais”.
-Cabinas
Neste caso, o estudo contempla unha ampla coincidencia tanto na falta de interese polo servizo de acceso de banda ancha dende as mesmas, como na conveniencia de eliminar a obriga de aceptar o pago con moedas, aínda que dende os usuarios, matízase que se debe preservar unha oferta suficiente, en termos de distancia, de terminais que sí as acepten.
-Guías telefónicas
A opinión xeralizada con respecto ás guías telefónicas impresas é “que se debe flexibilizar a obriga de reparto automático, avogando por unha entrega selectiva a aqueles que previamente as soliciten”.
-Interesados en prestar o servizo
Expresan un posible interese en optar á designación como prestador do servizo universal: Telefónica, Vodafone, Orange e Hispasat. Tamén Euskaltel, para os elementos relativos ao acceso á Rede e as cabinas no ámbito do País Vasco, o Servizo de Consulta Telefónica 11888 e Yell Publicidad, no relativo ao elemento das guías.

PUBLICIDADE