Increméntase o número de internautas que fan á vez de vítimas e cómplices dun fraude en liña

venres, 24 de outubro do 2008 Fernando Sarasketa

O peor de que che queiran estafar non é que che rouben, aínda que iso xa queima. O peor é que os ladróns che metan na súa enleada e acabes sendo xulgado ti por querer levar a cabo un fraude. Isto é o que está a acontecer con algúns usuarios da Internet e máis concretamente dos servizos de correo electrónico, por onde cada chegan cada día centos de reclamos para obter cartos de xeito doado, para solicitar empréstemos que non existen ou para poñer en marcha solucións a problemas de impotencia sexual que logo rematan igual que comezaran. Atender correos escasamente idóneos: esa foi precisamente a raíz do problema dos casos concretos de internautas caídos na trampa.
Segundo informa El Pais, trátase dunha serie de muleiros (captados para transportas cartos) requiridos para traballar a distancia por empresas inexistentes, e que logo acaban no banquiño acusados de estafa. O motivo: serviron de ponte para recibir e transferir fondos roubados a ouros. Ou sexa, de intermediarios, e sen sabelo, entre os responsables dun calote e os que pican no anzol e deixan os seus cartos na operación.
En definitiva, estanse a contabilizar cada vez máis casos de internautas usados para dirixir ese anzol dereitiño cara a un vítima. De feito, o ano pasado rexistrouse un fluxo en España de até 3.000 tipos de correos electrónicos co obxectivo de facerse con datos persoais dos internautas ou xa directamente cos seus cartos. En moitos deles, requírese a participación de mediadores, igualmente enganados e co agravante de ter que concorrer logo perante a Xustiza.
Segundo se sinala na devandita personaxe, o máis habitual nestes casos é que se solicite a un intermediario para facer vendas a nome dunha empresa situada no estranxeiro ou lonxe da cidade na que el vive. A idea é facerlle chegar unha porcentaxe da contía da venda, comisión que será aboada na súa conta. Cómpre sinalar que esa comisión, que pode chegar ou non (xeralmente chega), non é froito dunha operación legal. Trátase nestes casos dunha parte do roubado, logo de que o muleiro se encargue, sen sabelo, de acadar para o lucro dos ladróns os datos persoais das vítimas. O produto da venda pode ser calquera cousa, pero é moi habitual que sexan automóbiles de gama alta ou produtos financeiros en aparencia moi vantaxosos.

PUBLICIDADE