Inaugúranse as xornadas sobre o poder transformador da tecnoloxía 5G
martes, 15 de xuño do 2021
Esta mañá inauguráronse as xornadas O
poder transformador da 5G, que se celebrarán
os días 15, 16 e 17 de xuño de forma telemática. Organizadas por
Telefónica, o Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación
(COIT) e o Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación en
Galicia (COETG), compóñense de seis encontros que mostrarán como o
dito estándar móbil xa está a transformar a nosa sociedade a
través da exposición dos casos de uso que Telefónica despregou na
Comunidade Autónoma de Galicia nos últimos anos.
Durante
o acto inaugural destas xornadas, Manuel Ángel Alonso, director de
Territorio Norte de Telefónica, presentou os proxectos 5G como “unha
oportunidade para resolver dous grandes problemas: a conectividade no
medio rural e o avance cara á transformación da industria”.
O
decano territorial do COETG, Julio Sánchez Agrelo, engadiu que en
datas moi próximas porase de manifesto a transversalidade que supón
esta tecnoloxía en beneficio de todos os sectores.
Mentres,
Mar Pereira, directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica
de Galicia (AMTEGA), referiuse a que “o modelo de cooperación
público-privada é fundamental á hora de competir e executar da
mellor maneira a capacidade de financiamento imprescindíbel para o
desenvolvemento da 5G”.
Alberto
Martínez, director xeral de Red.es, engadiu que “o poder
transformador desta tecnoloxía repercutirá na nosa forma de vida,
de traballar, de relacionarnos, ademais de ser un vector esencial
para mellorar a produtividade da economía”.
Pola
súa banda, o presidente de RECI e alcalde de Logroño, Pablo
Hermoso, referiuse ao espírito de transformación que tamén chega
ás cidades co despregamento da 5G e mostrou a súa total
predisposición para efectualo.
Carlos
Daniel Casares, secretario xeral da FEMP, dixo que “a tecnoloxía
5G tamén é unha oportunidade para mellorar os servizos públicos e
a calidade de vida de todos os cidadáns, con independencia de onde
vivan”.
Ademais,
Arturo Azcorra, director xeral de Telecomunicacións e Ordenación
dos Servizos de Comunicación Audiovisual, dependente da Secretaría
de Estado de Telecomunicacións e Infraestruturas Dixitais, incidiu
en que “estes proxectos piloto son só o principio, porque temos
que lograr que España sexa o primeiro país do mundo onde haxa un
despregue completo deste novo estándar móbil”.
Durante
tres días, diversos representantes e entidades públicas,
organizacións privadas, centros de investigación, clústeres e
actores do sector das telecomunicacións participarán nas sesións
programadas que xa se están a celebrar.
O
día 15 o programa vén con dúas mesas ao redor dos casos de éxito
do 5G en Galicia, a primeira orientada á industria e cidadanía e,
pola tarde, á visión tecnolóxica e de negocio.
O
día 16 está programado un encontro coas comisións do Congreso e
Senado e unha sesión que abordará a 5G na industria e
infraestruturas.
O
día 17 trataranse os sectores económicos galegos e a súa relación
ca tecnoloxía 5G, e o impacto desta nas empresas desde unha
perspectiva nacional.
Os
socios deste proxecto son Ericsson, Nokia, Telefónica, Cinfo,
Idronia, Telnet e o Centro Internacional de Oftalmoloxía Avanzada
Prof. Fernández Vigo. Os axentes colaboradores son Huawei,
Stellantis, INECO e CTAG. Os clientes dos casos de uso foron o R.C.
Deportivo, Navantia, ADIF e o Ministerio de Transportes e Mobilidade.
O financiamento do mesmo foi posíbel grazas a Red.es (Ministerio de
Asuntos Económicos e Transformación Dixital) e a Unión Europea.