Inauguradas as charlas sobre transferencia e tendencias tecnoloxías de AMTEGA e AETG

venres, 4 de outubro do 2019 Redacción

A AMTEGA e a AETG organizaron este xoves a conferencia A revolución da Intelixencia Artificial na medicina actual, que formou parte do programa de transferencia de coñecemento TIC do convenio de colaboración asinado ente ambas entidades. O relatorio foi impartido na Cidade da Cultura polo catedrático de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial da Universidade Pública de Navarra e profesor honorario da University of Nottingham (Reino Unido), Humberto Bustince. Os sistemas intelixentes e as súas aplicacións na medicina actual centraron boa parte da súa intervención.
Bustince, fundador de grupo de investigación da UPN sobre Intelixencia Artificial e Razoamento Aproximado, amais de merecedor este ano do Premio Nacional de Informática, inaugurou o ciclo de charlas tecnolóxicas que organizan a Asociación de Enxeñaría en Telecomunicación de Galicia (AETG) e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA).
A directora da axencia autonómica, Mar Pereira, que inaugurou o encontro xunto co presidente da AETG, Julio Agrelo, sinalou que o obxectivo destes encontros “é compartir con expertos de primeiro nivel ideas e experiencias ao redor das tecnoloxías disruptivas, que centrarán centrar as estratexias dixitais da próxima década e, loxicamente, a Estratexia Dixital de Galicia 2030”. Pereira lembrou que a futura estratexia dixital galega, actualmente en fase de elaboración, fará foco nas oportunidades de aplicar novas tendencias tecnolóxicas en todos os ámbitos da economía; na necesidade de atopar solucións para diminuír fenda entre a demanda e a dispoñibilidade de traballadores con competencias dixitais avanzadas, e no impulso ao emprendemento tecnolóxico.
A directora engadiu que Galicia “aspira a ser a segunda Comunidade que elabore unha estratexia sobre Intelixencia Artificial” e que se está a traballar na creación “dunha rede de nodos de especialización tecnolóxica coordinados desde o Gaiás”, por exemplo o Nodo Galicia 5 G, que xa está en marcha, e os de Blockchain e de Intelixencia Artificial, en fase de impulso.

PUBLICIDADE