Inaugurada na UVigo a edición máis multitudinaria das xornadas JAI
luns, 10 de febreiro do 2025
Galicia volve ser referente nos ámbitos tecnolóxico-industriais de vangarda. O motivo é a inauguración das JAI (Xornadas sobre Tecnoloxías e Solucións para a Automatización Industrial), que celebran a súa décima edición na Escola de Enxeñería Industrial da UVigo co programa de conferencias e mesas redondas máis extenso da súa historia, con 70 relatores, o que se traduce en máis de 40 horas de relatorios.
As conferencias do encontro céntranse na difusión destas tecnoloxías para afrontar os retos da globalización e a competitividade nos procesos produtivos, para que o público asistente poida manterse ao día nas disciplinas de enxeñaría para coñecer de primeira man as tecnoloxías, solucións e tendencias máis modernas no seu ámbito.
As xornadas estenderanse ata este venres 14 no salón de actos da EEI, situada na Sede Campus da Universidade de Vigo.
Na inauguración participaron, entre outras personalidades, a vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación da Universidade de Vigo, Belén Rubio; o alcalde de Vigo, Abel Caballero; o secretario Xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro; o delegado do Estado no Consorcio da Zona Franca de Vigo, David Regades; o presidente do Consello Social da Universidade de Vigo, Ernesto Pedrosa; o director de Stellantis Vigo, José Luis Alonso Mosquera; o director xeral do CTAG, Luis Moreno; o presidente de Dihgigal, Francisco Yáñez, e a vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez.
Coincidiron en afirmar que esta edición, que se celebrará entre o 10 e o 14 de febreiro, será a máis multitudinaria da historia das JAI. Ademais dos 70 relatores e 40 horas de conferencias e mesas redondas, a organización espera contar con preto de 2.000 asistentes.
O acto de apertura tamén contou coa presenza de tres robots de Unitree: Go2, Go2w e o bípedo G1, aos que se suman os Vision 60 de Ghost Robotics e os Rs e WallE que adoitan estar presentes nas JAI, así como un bo feixe de robots móbiles industriais.
Un dos puntos fortes do programa será o tradicional Showroom Industria 4.0, no que se darán cita as principais empresas do sector mostrando avances tecnolóxicos. En total serán 40 expositores, 20 o luns e martes e outros 20 entre mércores e xoves. Co cal, aos 2.000 asistentes previstos, haberá que sumar os visitantes a esta mostra, que non require inscrición, e á que adoita asistir o alumnado da EEI (ao redor de 1.500 estudantes), o profesorado (150) e moitos centros de FP que virán de visita co alumnado.
Abordaranse temas claves para a industria, como xemelgos dixitais, visión artificial con deep learning, mantemento preventivo e preditivo, dixitalización de procesos, intelixencia en robótica, produción flexíbel, robótica móbil, conectividade IT/OT, Intelixencia Artificial na planta industrial, detección e control de ameazas cibernéticas na industria, ciberseguridade industrial, eficiencia enerxética, automatización intelixente, inspiración biónica, IoT (Internet das Cousas), seguridade en máquinas, etc.
Ademais dos relatores haberá varias mesas redondas. A primeira o martes pola tarde, sobre robótica, automatización e IA e as claves do futuro 5.0; a segunda o mércores tamén de tarde, sobre ciberseguridade industrial; e o xoves no mesmo horario sobre investigación en robótica, na que se darán cita catro catedráticos e investigadores de gran renome neste eido procedentes das universidades nacionais e internacionais.
En total, ao longo das cinco xornadas intervirán relatores procedentes de empresas e entidades como Kuka, o CTAG, Infranor, Innomoitcs, IFM, Rittal, Siemens, Robotnik, Red Eléctrica, Beckhoff, Festo, Hisparob, FINSA, Harting, Inprotech, Bosch Rexroth, Omron, Russula, Stellantis ou KPMG.
Entre os convidados máis relevantes, cóntase coa presenza de Eva Maneiro, alta directiva de Russula, empresa galega do sector do metal, ou o catedrático e investigador Oussama Khatib, da Stanford University, quen abandeirou equipos de investigadores de robots submarinos con grande éxito e que impartirá a conferencia maxistral de peche. Tamén estarán nas JAI o catedrático Bruno Siciliano, da Università degli Studi di Napoli Federico III, centrado ultimamente en robótica biomédica e a do doutor Diego González Rivas, cirurxián adxunto do Ernst Von Bergmann Hospital en Potsdam (Alemaña) e do Chest Disease Hospital en Kuwait e creador e actual director do programa de cirurxía videotoracoscópica Uniportal, no Xangai Pulmonary Hospital, na China.
Un evento único
Na inauguración Belén Rubio puxo en valor a celebración dun evento coma este nunha Universidade, a de Vigo, que non sendo politécnica, conta con varias escolas de enxeñaría. A vicerreitora destacou que a institución conta con múltiples graos relacionados coa enxeñaría, entre eles un grao dual en Automoción, así como “mestrados 2030, os do futuro”, como o de fabricación aditiva, “e todo isto representa un caldo de cultivo ideal para que Galicia progrese e prospere”. Neste contexto destacou o papel das JAI para “innovar, establecer sinerxías co sector produtivo e conectar a educación e a ciencia coa tecnoloxía e co progreso da sociedade”. Por telo conseguido felicitou ao profesor José Ignacio Armesto e ao director da EEI, José Fariña.
Todas as autoridades que interviñeron na apertura coincidiron en recoñecer o esforzo, a perseveranza e a constancia de Ignacio Armesto. O alcalde da cidade agradeceulle o ter organizado un evento “dificilmente igualábel en ningún lugar do mundo” e lembrou que o xermolo da futura factoría de chips fotónicos está na UVigo, en concreto da man do profesor Francisco Díez. Na súa intervención, Caballero tamén puxo o foco na importancia do “control social da tecnoloxías”, porque nunha contorna con cada vez máis implantación da robótica e da Intelixencia Artificial, é preciso que “a sociedade acompañe, controle e se beneficie dese progreso”.
A automatización e a robótica son o presente
No acto de apertura interveu tamén o director de Stellantis Vigo, José Luis Alonso, que se amosou emocionado de regresar á escola na que se formou como enxeñeiro hai case 30 anos e que mantén “un sólido compromiso coa excelencia educativa e coa innovación”. Sobre as JAI, salientou que se teñen convertido nun “punto de encontro de referencia para estudantes, docentes, profesionais, empresas, investigadores e administracións” e recalcou que a “automatización é unha panca transformadora decisiva para a industria, determinante para mellorar a eficiencia dos procesos produtivos e, polo tanto, para impulsar a produtividade das empresas”. A modo de exemplo, lembrou que a factoría viguesa dispón actualmente de máis de 2200 robots e autómatas, máis 300 cámaras de visión artificial e 400 AGV, vehículos de guiado autómatico para subministran pezas nas cadeas de montaxe.
Pola súa banda, David Regades agradeceu a organización dunhas xornadas que son un exemplo de “motivación” para os estudantes de últimos cursos de secundaria, para o alumnado dos graos, para as empresas e para as administracións. Unhas xornadas que, segundo José Alberto Díez de Castro, “pasaron de ser unha acción complementaria a ter personalidade propia”. A encargada de pechar o acto foi a vicerreitora Belén Rubio deu por inauguradas as JAI precisamente facendo referencia ao titulo da primeira conferencia, a do cirurxián Diego González Rivas, e lembrando que “no eido da tecnoloxía nada é imposíbel”.