Impulso aos viveiros de Barro e Lalín cunha nova web e accións innovadoras

venres, 11 de outubro do 2019 Fernando Sarasketa

A Deputación de Pontevedra vai impulsar este mes de outubro novas iniciativas tecnolóxicas para dar novos azos aos viveiros empresariais de Barro e Lalín. Entre esas actividades figuran a actualización da web dos viveiros, a posta en marcha dos programas Viveiro Co-creador: creando comunidade (que se desenvolverá no viveiro de Barro), e PorcoLab e Emprender chanzo a chanzo: idea, reflexiona e define (que terán lugar no viveiro de Lalín).
Respecto da web dos viveiros da Deputación, vén de ser obxecto dunha importante actualización, coa finalidade de “facela accesíbel a todos os dispositivos”, así como convertela nun espazo máis moderno e claro. A través dela, sinala a Deputación, pódese consultar información dos espazos e servizos, requisitos de acceso e contacto, e información sobre empresas que forman parte dos viveiros e as actividades que se desenvolven neles.
Ademais da renovación da web, este mes de outubro terá lugar no viveiro de Barro o programa Viveiro Co-Creador: creando comunidade. Neste eido, a cita terá lugar este xoves 10 de outubro, de 11.00 a 13.30 horas, e consistirá nun punto de encontro e coñecemento a través de dinámicas colaborativas entre as persoas beneficiadas polo viveiro. Deste xeito, a través da formación, poderán reflexionar, debater, discrepar, acordar e crear de xeito individual e grupal.
No caso do viveiro de Lalín, poranse en marcha dúas iniciativas. A primeira delas, PorcoLab: laboratorio de emprendemento social, será os días 15, 22 e 29 de outubro, entre as 11 e as 14 horas, e trátase “dun programa formativo, experiencial e innovador” dirixido a entidades e colectivos sociais das comarcas de Deza e Terra de Montes. O principal obxectivo de PorcoLab, que emprega metodoloxías de traballo como Design Thinking, Lego Serious Play ou Lean Startup, é traballar conxuntamente con outras entidades e/ou persoas para detectar e mostrar necesidades reais do territorio e procurar solucións ás mesmas.
Finalmente, e tamén no viveiro de Lalín, celebrarase Emprender chanzo a chanzo: Idea, reflexiona e define, co obxectivo de facilitar ao alumnado de ciclos formativos ferramentas relacionadas coa súa visión e iniciativa emprendedora. Esta actividade desenvolverase o 17 de outubro e nela participará alumnado do IES Pintor Laxeiro (Silleda) e IES Ramón María Aller (Lalín).

PUBLICIDADE