Importante filtración de animación xaponesa que ía estrearse en Netflix

xoves, 8 de agosto do 2024 Marcus Fernández

Dandadan sería unha das grandes series afectadas pola filtración

Os seareiros das series de animación xaponesa están bastante preocupados pola última filtración que vén de producirse, afectando a distintas series que ían distribuírse internacionalmente a través de Netflix.
Aínda que nos primeiros momentos parecía que a filtración limitábase a cabeceiros e outro material das series, segundo foron pasando as horas puido comprobarse como circulaban episodios enteiros de series sen estrear, o que pode ter un impacto moi negativo nos proxectos a longo prazo, xa que se non conseguen ter unha boa audiencia na súa estrea (porque moitos usuarios consumiron o contido anticipadamente) é difícil que se contraten novas tempadas, á vez que se prexudica aos espectadores que queren gozar do material en tempo e forma, que teñen agora que andar con moito tino para evitar spoilers.
A filtración incluiría polo momento todos os episodios da serie Terminator Zero, os 6 primeiros episodios da serie Dandadan (quedando aínda outros 6 episodios susceptibles a ver a luz en breve), o primeiro episodio da terceira tempada de Re:Zero, a primeira tempada completa do remake de Ranma ½ e a película Mononoke: Phantom in the Rain.
Descoñécese a motivación desta filtración (que podería ser consecuencia dunha chantaxe á que non quixo someterse Netflix), pero falamos dun problema moi serio para estas producións, que poden chegar a fracasar por culpa dun fallo de seguridade alleo a elas (xa que resulta evidente que a filtración produciuse no tellado de Netflix, compañía que aínda non realizou ningunha declaración pública ao respecto).

ACTUALIZACIÓN: O alcance da filtración de series de Netflix tería sido aínda peor do previsto, que unha das series máis importantes da plataforma, Arcane, pola que millóns de espectadores levan moito agardando pola súa segunda tempada, estaría afectada, de xeito que xa se atoparon na Rede os primeiros 5 episodios da nova tempada que tería que ver a luz en novembro.
Aínda que a copia filtrada da serie teña pouca resolución e marcas de auga, de xeito que sería desagradable de ver, permite facerse unha idea do que acontece nos novos episodios, polo que os seareiros de Arcane terán que maximizar súa prudencia os vindeiros meses se queren evitar spoilers que lles estraguen detalles da tempada que dará peche á serie baseada nos personaxes de League of Legends.