Imaginarium venderá un tablet deseñado especificamente para a infancia

mércores, 5 de setembro do 2012 Raquel Noya

A firma de xoguetes e educación Imaginarium, que sabe moito de nenos e nenas (e de trebellos cos que divertir a estes nenos e nenas), vén de presentar o seu último produto estrela: o SuperPaquito, un tablet de 9,7 polgadas deseñado especificamente para os máis cativos da casa, co que poderán xogar a ser maiores e, de paso, afondar paseniño no inquietante mundo das novas tecnoloxías.
Que sexa específico para a infancia non significa só que teña un deseño divertido e unha resistencia a proba de bombas, que tamén, senón que o máis salientable de SuperPaquito é o seu software exclusivo, que garante a tranquilidade dos proxenitores mentres os cativos e cativas interactúan na Rede ou coas distintas aplicacións que achega.
O tablet, de pantalla multitáctil e memoria de 16 Gb, permite navegar por Internet de xeito cómodo e seguro, grazas, entre outras cousas, a un filtro de contidos e un control de tempo de uso que garante a tranquilidade dos proxenitores.
Asemade conta cun software de control parental mediante contrasinal, que lle permite aos adultos seleccionar os contidos axeitados (plataformas web, aplicacións en liña, vídeos, imaxes...) así como os contactos de correo aos que o neno ou nena pode ter acceso dende o seu tablet.
A súa interface é moi intuitiva e doada de usar, e ademais é persoalizable e multiusuario, de xeito que os proxenitores poden aplicar un grado de control diferente para cada neno que o use, e escoller os contidos e aplicacións cos que pode interactuar cada un deles.
A maiores permite importar os contidos entre as diferentes contas para facilitar este labor, e restrinxir os horarios de uso do trebello cun sistema de bloqueo automático, de maneira que a partir dunha certa hora os cativos e cativas se dediquen a realizar outras actividades ou a descansar.
O sistema operativo que utiliza é o que os de Imaginarium deron en chamar MagicOS, e que en realidade é un sistema baseado en Android IceCream Sandwich.
Conta con dúas cámaras: unha na parte traseira de 3 Mpx e outra dianteira de 2 Mpx, e compleméntase coa plataforma Paquitoland, na que os de Imaginarium ofrecen unha ampla variedade de aplicacións e contidos infantís, clasificados por idades e temáticas.
O equipo de Xataca, que xa tivo ocasión de probar o SuperPaquito, destaca do trebello a súa funcionalidade e facilidade de uso, así como as especificacións de software que permiten o control de contidos, o control de horarios e os sistemas de acceso e seguridade, entre outras.
O tablet de Imaginarium, que xa se pode reservar en liña, sairá á venda o vindeiro 8 de setembro, e estará dispoñible en tódalas tendas da cadea en España e Alemaña a un prezo inicial de 299 euros.


Vídeo de presentación do SuperPaquito

PUBLICIDADE